O CCG mostra como mudaron os nosos hábitos de compartir contidos no novo contexto TIC

mércores, 21 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

As canles dixitais, para ben e ás veces tamén para mal, mudaron para sempre o noso acceso á cultura. Por unha banda, consumimos máis música, máis series e máis obras literarias ca nunca, pero por outra banda, tamén é certo que se estendeu o costume de facelo saltándonos en ocasións o respecto polos dereitos de autoría das creadoras e creadores. Reflexionar sobre isto e botar luz sobre os principais prexudicados (artistas, selos, produtoras, editoriais), os regulamentos existentes, o papel xogado polas novas tecnoloxías e as opinións dos consumidores son os obxectivos da xornada Dereitos de autor, lei aplicábel e percepción social que organiza esta quinta feira, 22 de febreiro, o Consello da Cultura Galega.
O foro tamén quere ser unha proclama para afondar nas múltiples transformacións radicais que afectaron, da man da chamada Sociedade Rede, os xeitos de crear e difundir contidos, así como de compartilos, “en relación coas contornas analóxicas do século pasado.
A cita, que se celebra a partir das 10.00 horas na sede do CCG no Pazo de Raxoi (xeira de mañá) contará coa presenza de José Ignacio Aguaded, da Universidade de Huelva, quen falará sobre as sobrecargas de información, a propiedade intelectual e a chamada edu-comunicación. Asemade, tamén intervirá Javier Díaz Noci, da Universitat Pompeu i Fabra de Barcelona, co relatorio Dereitos de autor e propiedade intelectual. O programa completarase coa presenza de Raquel Xalabarder Plantada, da Universitat Oberta de Catalunya, que afondará nos regulamentos sobre dereitos de auor e na xurisdición competente na era dixital.
O obxectivo desta xornada é “contribuír a difundir as cuestións básicas de dereitos de autor que cómpre ter en conta na Sociedade Rede segundo o novo marco normativo e coñecer aqueles aspectos sometidos a análise e revisión”. Trátase, segundo engade o CCG, de “debuxar desafíos e fixar pasos para as actuacións no traballo diario”, achegando formación en edu-comunicación e coñecemento sobre o marco que rexe no escenario actual. Estes ingredientes, sinala o Consello, resultan “básicos para intervir con eficiencia na Sociedade da Información e o Coñecemento”.

PUBLICIDADE