O CCG e o Concello do Barco presentan o podcast da peza teatral A camisa

venres, 25 de marzo do 2022 S. P.

O Consello da Cultura Galega e o Concello do Barco presentaron este venres 25 de marzo o podcast A camisa, unha peza teatral que retrata o drama da emigración (a través dunha familia que se traslada a Madrid coa arela dunha vida mellor) e que foi escrita polo escritor local Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) e trasladada ao galego por Ramón de Valenzuela. A partir desa tradución, o CCG déronlle unha nova dia o texto: unha vida (agora tamén) dixital. A adaptación sonora en formato podcast está dividida en cinco episodios.
Tito Asorey foi o encargado de dirixir a ficción sonora na que participan Melania Cruz, Josito Porto e o propio Asorey, entre outros. O proxecto, que conmemora o centenario do nacemento de Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza, foi presentado este venres 25 no concello ourensán pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde, Alfredo García; a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, e mais unha das actrices da ficción sonora, Melania Cruz. O primeiro dos episodios xa está dispoñíbel no especial homónimo na web do Consello da Cultura Galega.
Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.
A emisión dos capítulos comeza este venres 25 de marzo, desde a web do CCG e as súas redes sociais. Cada venres, emitirase un novo episodio ata o 22 abril, data en que se completa o proxecto.


PUBLICIDADE