O CCG difunde na Rede a biografía e a voz e Laxeiro, homenaxeado no Día das Artes

venres, 1 de abril do 2022 S. P.

O Consello da Cultura Galega sumouse ás celebracións deste 1 de abril, Día das Artes Galegas, convocada pola Real Academia Galega de Ciencias, e faino con dúas contribucións á divulgación de José Otero Abeledo, Laxeiro, homenaxeado na dita xornada. A primeira destas achegas é a incorporación da entrada sobre o pintor lalinense no Álbum de Galicia, a gran enciclopedia online do CCG na que se recompilan os nomes e as vidas das galegos e os galegos que contribuíron ao progreso cultural, histórico, científico, social, económico ou político da nosa terra. A segunda é a publicación de tres gravacións sonoras nas que se pode coñecer ao pintor na súa voz e que se integran dentro do proxecto Voces Centenarias. Trátase de dúas entrevistas e unha charla realizadas entre 1983 e 1988 que chegan desde o Fondo de RNE e da Colección Antón Mascato que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia.
Unha delas foi realizada polo xornalista Manuel Lombao e nela repasa a traxectoria vital de Laxeiro: Cuba, Bos Aires, Madrid, Vigo e Lalín, espazos onde desenvolve o seu labor pictórico. O segundo dos audios é de 1988, consiste nun encontro público de Laxeiro co gallo da súa exposición no Quiosco Alfonso da Coruña. O terceiro dos cortes é unha entrevista que Antón Mascato lle fai a Laxeiro na cafetería Goya de Vigo en 1983 para a revista Can sen dono.
Laxeiro, no Álbum de Galicia
Javier Pérez Buján asina a entrada de Laxeiro no Álbum de Galicia. Nela destaca as dúas grandes influencias da infancia do lalinense: a súa avoa, que lle imprimiu o gusto polas personaxes pintorescas e a gran capacidade de fabulación; e a súa mestra, dona Teresa, quen espertou a súa vocación pictórica. Despois fai un percorrido cronolóxico polos lugares da súa historia: primeiro a Habana a onde emigrou con 13 anos e de onde regresaría catro anos despois, enfermo de tuberculose e disposto a morrer na súa terra; segundo Madrid, a onde se trasladou para ingresar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando cunha bolsa do concello de Lalín, que prolongaría grazas a unha bolsa da Deputación de Pontevedra. Logo, a súa volta a Lalín, imbuído do ambiente republicano da época, cando realiza as súas primeiras pinturas, consideradas tamén as primeiras expresionistas da arte galega. Para logo continuaren en Vigo e Bos Aires, onde se desenvolveu profesionalmente e saíu do illamento ao tempo que se abriu ás tendencias internacionais do momento.

PUBLICIDADE