O CCG destaca o bo momento do audiovisual en Galicia e a expansión dos novos formatos

mércores, 15 de novembro do 2023 S. P.

O Observatorio da Cultura Galega (pertencente ao Consello da Cultura Galega) presentou os detalles dun informe sobre o estado de saúde do audiovisual da nosa terra. O estudo, en liñas xerais, destaca o bo momento do sector, non só a nivel de premios e distincións nacionais e internacionais, senón tamén en materia de cifras.
Así, na última década medraron parámetros como o emprego, os ingresos de explotación, a asistencia ás salas de cine e o consumo televisivo, segundo o documento de traballo O sector audiovisual en Galicia 2023, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento conclúe que “os datos amosan que o audiovisual se atopa nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria de 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que o compoñen”. O documento de traballo, por certo, xa está dispoñíbel desde a web da institución.
Nel explícase que a expansión do sector audiovisual sitúase nun contexto positivo xeral no conxunto de España, onde o incremento de emprego foi maior. Tamén se fai saber que en Galicia traballan directamente no sector audiovisual 2610 persoas, un 4,2 % do total da forza laboral xerada por estas actividades en España. Con todo, o emprego concéntrase na produción de cine e vídeo (41,2 %) e na televisión (37,1 %). “O audiovisual”, lembra o informe, “é un sector que tende a concentrarse xeograficamente. En España faino nas provincias de Madrid e Barcelona, mentres que en Galicia a actividade se concentra na provincia da Coruña (64,6 % das empresas)”.
Un contexto cambiante (de formatos e consumos)
O informe destaca que o sector audiovisual está nun contexto de profundos cambios tanto no tipo de consumo que se fai como no soporte empregado. Se na década de 2010 o VHS e o DVD estaban presentes nun 80 % dos fogares, o móbil centra agora a reprodución de vídeo (emprégao un 84,6 % da poboación). O consumo televisivo segue a ser alto (88,9 %), pero baixou un 8 % con respecto a 2010. Neste sentido, hai un descenso do consumo da televisión xeneralista, que rexistra cifras máis baixas que na última década. En Galicia, Antena 3 e a TVG teñen as cotas de audiencia máis altas (dun 11,5 % no caso da galega), mentres que no conxunto de España só Antena 3 e Telecinco obtiveron máis dun 10 % de audiencia en 2022. Ademais, agora na televisión tamén se ve vídeo á carta a través das plataformas de intercambio (Netflix, Amazon Prime Video e Disney+ son as que concentran o público). “En 2023, un 82 % dos fogares dispón dalgunha plataforma dixital”, sinálase no documento, onde tamén se pon o foco na perda de espectadores nos cines galegos. Así, apúntase, “en 2022 houbo nos cines galegos 2,5 millóns de espectadores, un 40 % máis que en 2021 e máis do dobre que no ano 2020, pero lonxe dos 4,2 millóns de 2019, unha evolución semellante á da recadación”.
A produción de cinema
O estudo subliña o significativo incremento no ámbito da produción: hai máis empresas (un 47 % máis) e tamén máis películas (en 2022 houbo 284 filmes, o dobre que en 2013). O xénero máis popular é o documental (28 %), seguido polo drama (26 %), a comedia, as películas de animación e o thriller (6,7 % cada un). A maioría dos filmes (89 %) foron realizados por unha única produtora, aínda que se observa unha tendencia ascendente no número de coproducións, tanto con empresas españolas como con estranxeiras. Os países cos que hai máis proxectos compartidos son Francia (30 % das coproducións internacionais) e Portugal (18,6 %). Pese a que un 68 % das empresas realizou só unha película durante este período de dez anos, vinte produtoras realizaron máis de tres películas e dúas superaron os dez proxectos rematados.
O informe tamén analiza as axudas de concorrencia competitiva da Axencia Galega das Industrias Cultuais (AGADIC), nas que o maior peso, o 40% recae na produción.
Mellorou tamén neste período a difusión do cinema producido no país. Aínda que hai películas pendentes de estrea, en 2022 exhibíronse no circuíto comercial oito de cada dez películas producidas. As películas que se estrearon en salas comerciais tiveron máis de 7,1 millóns de espectadores e unha recadación superior aos 43 millóns de euros.
Con respecto ao idioma, o informe apunta a unha mellora da situación do galego neste sector. Na televisión convencional, a TVG segue a ser o principal axente normalizador cunha programación monolingüe. Porén, nas plataformas de streaming o galego aínda representa só un 0,5 % da oferta. Medrou tamén o número de películas en lingua galega na última década, que pasou de 9 en 2013 a 23 en 2020. O cine producido en Galicia empregou o galego nun 42,3 % das producións. Nas conclusións do informe tamén se explica que “malia que a maioría de producións en lingua galega na última década tiveron un éxito comercial en salas discreto, tamén apareceron títulos populares, como As bestas, O que arde ou A praia dos afogados, entre outros”. O impacto das longametraxes en lingua galega estreadas en cinemas comerciais nos últimos dez anos foi de 1,5 millóns de espectadores e máis de 8,8 millóns de euros de recadación.

PUBLICIDADE