O CCG combate cun amplo menú cultural o confinamento derivado do COVID-19

luns, 16 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Ante a pandemia de COVID-19 e a necesidade de adaptarnos a novos hábitos de traballo, de lecer e de acceso ao coñecemento, o Consello da Cultura Galega reforzou a súa vertente dixital co obxectivo, nas súas palabras, de “poñer a disposición do público contidos culturais”. O abano de recursos postos en xogo terá amplitude abonda: información da actualidade cultural, difusión do fondo documental do CCG (recursos sonoros, epistolarios, materiais dixitalizados sobre patrimonio, emigración ou lingua, entre outras temáticas), primeiras aproximacións estatísticas sobre o impacto socicultural do coronavirus, etc. Estes serán algúns dos contidos que o CCG achegará estes días aos internautas: contidos galegos de interese... e en galego.
O fornecemento de material, que se complementa coa adopción do teletraballo no seo da institución (proceso formalizado a semana pasada co fin de contribuír a paliar o avance do virus), levarase a cabo a través das webs corporativas (consellodacultura.gal e culturagalega.gal) e das redes sociais. A través destas canles difundiranse novos contidos (publicacións, especiais, proxectos...) e adaptaranse para a Rede algúns dos formatos co obxectivo “de ofertar á cidadanía novos contidos culturais”, informou o CCG.
Suspensión da actividade presencial
En virtude das recomendacións das autoridades galega e central, o Consello da Cultura Galega suspendeu a actividade presencial da institución. Iso traduciuse na cancelación dos eventos previstos no mes de marzo como xornadas, presentacións, reunións de traballo e roldas de prensa. Con todo, a institución decidiu reforzar a difusión dixital, segundo informou a institución “un dos piares da institución desde hai máis de dúas décadas”.
O devandito implicou a posta en marcha dun programa que se desenvolverá as vindeiras semanas e que se traducirá no medre da oferta de contidos culturais online. Ao abeiro desta iniciativa, dixitalizaranse e poranse en valor materiais relevantes para a cultura galega en diferentes ámbitos, publicaranse informes e outros documentos informativos e adaptaranse para a Rede algunhas iniciativas que deixaron de ofrecerse en formato presencial.
Seguindo este fío, esta semana divulgarase material complementario de dúas xornadas celebradas nas últimas semanas, unha das cales é O estado da danza a debate.
O CCG explica que a maior parte destas actividades retransmítense en directo desde a nosa canle de Youtube.
Amais, continuará operativo o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal.
No que se refire ás publicacións, o Consello da Cultura Galega lembra que conta cun acubillo dixital que pon a disposición do público máis de catrocentos títulos de libre descarga de temáticas que van desde a ciencia ata a igualdade, pasando pola antropoloxía, emigración, lingua, literatura ou filosofía.
Con respecto ao fornecemento de fondos documentais, subiranse novos exemplares dixitalizados do semanario A Nosa Terra, unha iniciativa que se sitúa na área de dixitalización de cabeceiras representativas da cultura galega. No ámbito sonoro destaca a difusión do patrimonio sonoro dixitalizado en pedra, Proxecto Lousas.
Amais, entre outras moitas iniciativas online previstas para estes días, o Consello da Cultura Galega mostrará a súa colección de exposicións, que permite acceder desde a casa aos paneis de mostras recentes como Inventio mundi, que recolle a contribución galega ás expedicións oceánicas entre os séculos XV e XVIII, ou a mostra de fotografías Os adeuses, que documenta os últimos momentos da emigración galega en barco cara á América. En total, pódese acceder virtualmente a 21 títulos doutras tantas temáticas.

PUBLICIDADE