O CCG avalía nunha xornada o futuro da xestión dos documentos dixitais

luns, 13 de xuño do 2022 S. P.

A xornada 37 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, organizados pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, vai pór o foco en reflexionar sobre como han de ser os arquivos que custodian documentos históricos, como se debe abordar a xestión dos documentos dixitais e cal será o papel dos arquivistas. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, máis Rebeca Blanco-Rotea e Olimpia Rodríguez, coordinadora e membro da Sección de Patrimonio respectivamente, inaugurarán esta actividade presencial que tamén se pode seguir en directo a través da web e das redes da institución. A cita será este martes 14 de xuño pola tarde.
A nova sesión dos Encontros Monográficos do Patrimonio Cultural busca afondar no concepto do patrimonio documental, cuxa definición, en palabras do CCG, é unha definición limitada “tendo en conta a realidade actual coa aparición dos documentos dixitais que urxen introducir cambios para que os centros da memoria participen na conservación/xestión dunha memoria non discriminatoria en razón de sexo, raza ou orixe rural”.
En definitiva, a xornada ten o obxectivo de afondar sobre como serán os arquivos que se deberán conservar, como se construirá o patrimonio documental ou como ese patrimonio se vinculará a outros.
Luis Martínez García, coordinador xeral de Arquivos e director do Arquivo de Castela-A Mancha, será o encargado de abrir a cita cun relatorio titulado Necesitamos un novo modelo de patrimonio documental nun mundo dixital?. De seguido, María Dolores Pereira Oliveira, directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo e membro do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG (CDIF), tratará de responder á pregunta de para quen son os arquivos e patrimonio documental. Pecha a xornada, Fátima Rodríguez Coya, arquiveira do Goberno do Principado de Asturias, cunha intervención titulada Perspectivas para un legado documental en común.
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución que está coordinada por Rebeca Blanco Rotea. Está composta por profesionais como Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.

PUBLICIDADE