O CCG analizará os cambios xerados pola sociedade móbil nos nosos hábitos culturais
xoves, 2 de novembro do 2017
O
compromiso do Consello da Cultura coa análise do que están a dar de
si as novas tecnoloxías como elementos transformadores dos nosos
xeitos de comunicarnos e procurar información (entre outras moitas
transformacións do día a día de cada quen) non só se vai deixar
notar amplamente en 2018, tal
e como avanzamos hoxe en Código Cero, senón tamén nesta recta
final de 2017. Se
hai uns días falamos das reflexións feitas sobre o ciberacoso dende
a sede do CCG, hoxe é a quenda de avanzar as liñas xerais da
xornada Sociedade
móbil e cultura: novos e vellos desafíos, prevista para o 9
novembro, novamente na sede do Consello da Cultura, e contando na
comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba
Silva. A cita, como se indica no seu nome, será unha oportunidade
para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e
albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o
CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en
conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos
móbiles) “veu para quedar”.
O
CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras
sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e
da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50
por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42
por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra
medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por
cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada
é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos
de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de
visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución
industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en
construción”.
Programa
da xornada
- 9:15 horas - Inauguración
- 9:30 horas - Contornas
de información ubicua. Catálogo de desafíos pendentes
Juan
Miguel Aguado. Universidad de Murcia. Director xeral de RTRM
- 10:30 horas - Produción e consumo de información en móbiles. Unha visión do panorama europeo
Oscar
Westlund. Götegorgs
Universitet
- 11:30 horas - Descanso
- 12:00 horas - Periodismo móbil e cultura móbil
Koldobika
Meso Ayerdi. Euskal Herriko Unibertsitateak
- 13:00 horas - O móbil como oportunidade para producir contidos e intervir
João Canavilhas. Universidade da Beira Interior
- 16:30 horas - A comunicación política na sociedade móbil: oportunidades e retos nunha contorna híbrida
Andreu Casero-Ripollés.
Universitat Jaume I
- 17:30 horas - Oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais: o prosumo como actividade creativa
Eva Campos. Universidad
de Valladolid
- 18:30 horas - A conquista de novos territorios comunicativos para a cultura
galega
Manuel Gago. Consello
da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela
- 19:30 horas - Clausura - Trazos
e identidades dunha cultural con identidade e migrante
Ramón
Villares.
Presidente do Consello da Cultura Galega