O CCG amosará a historia da nosa terra a través dunha mostra, unha app e máis unha páxina web

luns, 25 de abril do 2016 Redacción

Manolo Gago será o comisario da mostra que se inaugura o vindeiro 10 de maio

O Consello da Cultura Galega, coa colaboración de AFundación e Abanca, vai organizar unha mostra dirixida a visualizar en detalle os principais referentes e sinais de identidade da nosa cultura, o que máis nos define, mediante unha escolma de obras de toda índole. A exposición Galicia 100 Obxectos para contar unha cultura construirá, en palabras do CCG, “un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior”. Inaugurarase o 10 de maio na sede de AFundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago. A exposición contará tamén cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles, así como unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio. A TVG amosará diariamente (desde o luns 25) unha escolma das pezas seleccionadas.
Respecto do período cronolóxico que se vai abranguer coa exhibición, será todo o referente á nosa historia como pobo: dende o Paleolítico Inferior até os anos 90 do século pasado. O miolo da mostra estará constituído por un centenar de obxectos seleccionados “pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo”, explica o CCG, que engade que a exposición non presentará “un discurso temporal ao uso”, senón que procurará “que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos”.
A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e disporá dun consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos. Entre os principais referentes-antecedentes da proposta está, por exemplo, a actividade recente do Museo Británico e da canle BBC Radio 4, que en 2010 encetaron unha iniciativa, A History of the world in 100 objects, que tiña como obxectivo “facer visual” a historia do mundo a través dunha escolma de elementos-acontecementos especialmente significativos e definitorios.

PUBLICIDADE