O CCG acolle unha xornada sobre como situar a identidade galega na Internet

martes, 23 de febreiro do 2016 Redacción

Este 24 de febreiro o Consello da Cultura de Galicia (CCG) acolle unha xornada de debate sobre o pobo que queremos ser na Internet e que medidas poñemos pór en práctica para perdurar e afianzarnos como pobo con identidade propia na Sociedade da Información. A xornada Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo da sociedade en rede é unha proposta coordinada por Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago, e contará coa presenza de expertos recoñecidos como Mario Tascón ou Rosa Franquet para falar de “novas dinámicas que inciden nos usos e consumos de produtos culturais”. Malia ser unha xornada de aforo completo, os relatorios pódense seguir en directo a través do web da institución. As sesións desenvolveranse na Biblioteca do CCG.
Segundo apuntan os organizadores do evento a conto dos seus obxectivos, sen dúbida que Galicia deu pasos para afianzar a súa cultura no plano dixital, na sociedade conectada, pero aínda fica pendente moito por facer, unha chea de desafíos que resolver, e máis se temos en conta o carácter dinámico e fortemente evolutivo e cambiante da Rede e os seus elementos. “Os novos tempos da segunda década do terceiro milenio demandan respostas renovadas para conquistar o futuro no ecosistema dixital”, sinalan, engadindo que “os actores socias teñen que entender ben as novas dinámicas de socialización que inciden nos usos e consumos de produtos culturais se queren que as súas iniciativas resulten sustentábeis e acaden os obxectivos propostos”. Polo tanto, inciden dende o CCG, un dos grandes retos ao que nos enfrontamos é adaptarnos non só ás tecnoloxías actuais da información, senón adiantarnos ás que virán. Ao seu xuízo, esta aposta decidida por estarmos nas TIC é polo tanto unha aposta de obriga. E engaden: “O emprego dos recursos dispoñíbeis convértese nunha necesidade de aproveitar todas as oportunidades para que as nosas manifestacións culturais interactúen e contribúan a xerar coñecemento”.
A actividade deste mércores forma parte do completo programa de eventos anuais do CCG dirixidos a reflexionar arredor da situación en que nos atopamos e que pasos podemos dar para conseguir que as iniciativas dos nosos actores culturais teñan maior incidencia social e consigan unha maior eficiencia.

Programa

Sesión da mañá
9:30 horas – Inauguración
10:00 horas – Tempo, Espazo e Comunicación cultural na sociedade dixital
JUAN ANTONIO GARCÍA GALINDO. Universidade de Málaga
11:00 horas – Medios e linguaxes para comunicarse eficazmente na internet das cousas
RAMÓN SALAVERRÍA. Universidade de Navarra
12:00 horas – Pausa
12:30 horas – Encontrar historias nas entrañas dos ficheiros dixitais. Oportunidades para comunicar cultura
CARLOS ELÍAS. Universidade Carlos III de Madrid
13:30 horas – Debate

Sesión da tarde
16:30 horas – Aprendendo a situar a identidade propia no novo escenario cultural da sociedade global
ROSA FRANQUET. Universitat Autònoma de Barcelona
17:30 horas – Creación de contidos, diversidade e identidade para estar no mundo con voz propia
MARIO TASCÓN. Experto en redes sociais e consultor
18:30 horas – Debate

PUBLICIDADE