O Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames organiza un obradoiro sobre seguridade dixital

martes, 27 de setembro do 2022 S. P.

A Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre de Ames, xunto co seu Banco de Reciclaxe Electrónica, dá continuidade este mes de outubro á súa programación de obradoiros que comezou no pasado mes de xullo. Sen ir máis lonxe, o sábado, 1 de outubro, de 11.00 a 13.30 horas, impartirase no edifico do antigo centro de saúde do Milladoiro un obradoiro sobre seguridade dixital básica. Encádrase nas actividades de divulgación tecnolóxica da Oficina para os grupos sociais menos favorecidos, poñendo o foco nas posibilidades dos programas non privativos.
Na sesión aprenderase sobre conceptos básicos da seguridade dixital, para poder usar os nosos ordenadores e smartphones dunha forma mellor e máis segura. As persoas que queiran participar poden confirmar a súa asistencia premendo na ligazón específica habilitada.
A Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). Algún dos seus obxectivos son “minorar o lixo electrónico, aumentar a vida útil destes aparellos e reducir o seu consumo”. Este proxecto botou a andar no pasado mes de maio. O primeiro obradoiro realizouse en xullo para a reparación e reciclaxe de altofalantes.
En setembro comezaron os obradoiros do segundo semestre deste ano cun taller de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores que segundo lembra o Concello de Ames, “tivo un grande éxito de participación”. Mostrouse como instalar un sistema operativo libre, un navegador, unha suite ofimática, un reprodutor de audio e vídeo ou un programa de edición de imaxes dixitais, etc.
A programación de obradoiros continúa este sábado, 1 de outubro, en horario de 11.00 a 13.30 horas, cun taller sobre seguridade dixital básica, que se vai impartir no edifico do antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
Entre os obxectivos da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre de Ames, xunto co seu Banco de Reciclaxe Electrónica, está reducir a fenda dixital para os colectivos vulnerábeis e minorar o lixo electrónico no municipio.

PUBLICIDADE