O Bacharelato STEMbach de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía chegará a arredor de 750 alumnos de toda Galicia

mércores, 16 de agosto do 2023 S. P.

O Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, chegará o vindeiro curso a aproximadamente 750 alumnas e alumnos. En total, son cinco os centros que se suman ao proxecto, en concreto os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo). A Consellería de Cultura e Educación implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando ata chegar ás cifras actuais, con case medio cento de centros participantes.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a Realidade Virtual e Aumentada e a Intelixencia Artificial). Ademais, quere “fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, afondando no traballo das competencias matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico”, explica a Consellería de Cultura e Educación que dirixe Román Rodríguez, engadindo que o programa diríxese tamén a “facilitar a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da Intelixencia Artificial”.
Este programa educativo ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública. Amais, estes estudantes cursarán unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

PUBLICIDADE