O BNG presenta á comunidade científica galega a proposta InnovaGal

xoves, 16 de febreiro do 2023 S. P.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este xoves 16 de febreiro un encontro coa comunidade científica galega para explicarlle de primeira man a proposición de lei de creación do InnoGal, entidade que segue o ronsel das iniciativas que funcionan con éxito en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (ICREA), co obxectivo de “facer da ciencia un factor estratéxico para o desenvolvemento de Galiza”. O InnoGal, dixo, ten un dobre obxectivo: “optimizar a xestión dos recursos e reter e captar talento investigador.
Segundo dixo, a nosa terra atópase “moi lonxe” do investimento en ciencia e tecnoloxía da media europea e por debaixo da media estatal. Ou sexa, explicou, estamos a falar dun índice do 1,1% sobre o PIB galego fronte ao 1,43% do conxunto do Estado e ao 2,3% a nivel europeo.
“A xeración de coñecemento é esencial para Galiza”, fixo saber, engadindo que “isto implica dous elementos que son clave: financiamento estábel e suficiente, que debe acadar cando menos a media da Unión Europea, e un programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora, que aporte estabilidade e planificación aos nosos investigadores e investigadoras”, subliñou, “porque o amor a ciencia está ben pero non paga as facturas”.
Estes son os vimbios de InnoGal, iniciativa coa que o BNG confía poda recibir o apoio unánime do Parlamento durante a súa tramitación na Cámara, “porque estamos ante unha cuestión de país”, argumentou.
Éxito catalán e éuscaro
O proxecto InnoGal, dixo, está deseñado na proposta lexislativa como un organismo público para facilitar a xeración de ciencia desde “unha xestión eficaz e eficiente”, tanto dos recursos económicos como humanos e materiais. “Co InnoGal queremos pór o capital humano no centro, promovendo as condicións laborais para reter o persoal investigador, captar talento de excelencia e lograr o retorno de talento emigrado”, explicou, destacando o éxito de entidades similares en Catalunya e en Euskadi: “Desde a súa creación en 2001, o ICREA obtivo máis de 780 M€ para fondos de investigación. Pola súa parte, o IkerBasque, creado en 2007, conseguiu un retorno de 175 M€ só no último ano e o País Vasco lidera o investimento en I+D+i cun 2,2% do seu PIB e tamén lidera o retorno per cápita de fondos europeos, porque case triplica a media estatal”.
Proposición de lei
A proposición de lei, que o BNG ultima para presentar no Parlamento, componse dun artigo para modificar e incorporar á Lei 5/2013, un capítulo polo que se crea a Fundación galega para a ciencia (INNOGAL), dúas disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e unha disposición derrogatoria única.
“Definimos o InnoGal como unha entidade sen ánimo de lucro encamiñada a promover a investigación e a ciencia, que supere a fragmentación da política de I+D+i e que permita a creación da figura de persoal investigador”, recalca. A PNL fixa a composición mínima do padroado, a planificación estratéxica e a necesaria rendición de contas ao Parlamento galego. Tamén inclúe a garantía de investimento necesario e fixa o prazo dun ano para o desenvolvemento normativo da lei.
Ciencia, motor de futuro
“Esta iniciativa lexislativa parte do carácter estratéxico que o BNG concede á ciencia e á investigación como motor para unha Galiza de futuro, próspera e de vangarda, porque entendemos que a ciencia é clave para o desenvolvemento social e económico e require unha aposta firme, máxime nun momento de grandes cambios e transformacións”, argumentou Pontón, salientando que “o país ten capacidade e talento para ser un referente en ciencia e innovación, pero é evidente que se precisan máis medios e unha mellor planificación para estar na vangarda científica”.
Comunidade científica
Entre os asistentes, representantes do Centro de Investigación da UdeV (CINBIO), Centro de Investigación e Tecnoloxías da Comunicación (AtlantTIC), Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTEX), Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), Centro de Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías ambientais (CRETUS), Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) e Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática (CITmaga), entre outros.

PUBLICIDADE