O BNG pide que se axilice o proceso de dixitalización da Biblioteca de Galicia

mércores, 28 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O proceso de dixitalización dos fondos das novas bibliotecas é hoxe en día unha tarefa cultural prioritaria no noso país, non só para fomentar a conservación, senón tamén a divulgación, dentro e fóra das nosas fronteiras. Así o entende o BNG, que, a través da súa voceira Ana Pontón, vén de reclamarlle ao Goberno galego máis axilidade á hora de impulsar o Plan de desenvolvemento dixital da Biblioteca de Galicia, unha iniciativa que entre outras cousas inclúe a preservación en formatos tecnolóxicos dos nosos fondos.
As peticións do BNG foron achegadas este martes no Parlamento logo da comparecencia de Francisco López, director xeral do Libro, para informar do devandito Plan. Segundo fixo saber Pontón, a devandita actividade de dixitalización vai moi devagar, malia que se fixase como prazo o ano 2010 e destacou tamén “a ausencia de soportes na páxina web para consultar os contidos e criterios utilizados na dixitalización dos fondos”. Asemade, lamentou que o director “non achegara información sobre os fondos destinados pola Xunta para a dixitalización nin sobre os criterios utilizados polo que solicitou que esta documentación fose remitida aos grupos parlamentarios”.

PUBLICIDADE