O BNG pide executar os fondos europeos destinados a eliminar a fenda dixital

luns, 1 de marzo do 2021 S. P.

O Bloque Nacionalista Galego expuxo este luns o seu punto de vista sobre o estado actual da conectividade na nosa terra e as fendas dixitais que, segundo indicou a agrupación, seguen vixentes. Ao abeiro desta cuestión, o BNG lembrou que están dispoñíbeis unha serie de fondos europeos para eliminar as desigualdades tecnolóxicas entre uns concellos e outros, entre unhas contornas e outras, e instou a executalos canto antes.
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que se executen “sen dilación” os distintos fondos europeos que a UE pon a disposición dos Estados Membros para mellorar a conectividade: “Galiza é a segunda comunidade do Estado con menor implantación da banda larga, pero a fenda dixital agravouse durante a pandemia e provocou unha maior crise económica, exclusión social e incomunicación, especialmente nas zonas rurais”, denunciou Miranda dende Gondomar, durante unha reunión mantida coa concelleira do BNG Manuela Rodríguez Pumar e representantes da Plataforma Gondomar Fibra Xa, para abordar a situación deste concello.
Dende esta Plataforma explicaron que “existe un problema de alimentación desde o nodo da Ramallosa a Gondomar que é a que permitiría alimentar a rede de distribución, que xa está despregada, pero que non vai máis alá dun 20 ou un 30% das parroquias”. E engadiron: “Esa alimentación daría a posibilidade de seguir implementando a distribución da fibra, unha vez que estivese operativa a alimentación principal, e favorecería a conexión das persoas que actualmente contan con ADSL ou outras conexións, actualmente saturadas”.
A portavoz do Bloque en Europea engadiu “que non só existen fondos para garantir a conectividade, imprescindíbel nestes tempos, senón que segundo a normativa europea, os Estados membros deben garantir que todos os consumidores poidan dispoñer a un prezo accesíbel dun acceso adecuado a Internet de banda larga”.

PUBLICIDADE