O BNG critica que as campañas en liña de promoción do DNIe só sexan accesibles na súa totalidade en castelán

luns, 22 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

O voceiro do Bloque Nacionalista Galego no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, vén de pór en manifesto unha serie de eivas lingüísticas e culturais na campaña estatal de promoción do DNI electrónico. Máis polo miúdo, Jorquera denuncia a discriminación da lingua galega por parte do Goberno central nas iniciativas para informar polo miúdo das vantaxes e utilidades do DNIe, iniciativas que podemos ver principalmente na páxina usatudni.es do Ministerio de Industria, accesible soamente en castelán. Jorquera recoñeceu que “é certo que se ofrecen versións en galego, catalán e vasco, pero están totalmente incompletas, xa que só se ofrecen os títulos nestas linguas pero non os contidos”.
Asemade, o voceiro do BNG no Congreso criticou que a dita páxina está a dar acubillo a novos casos de deturpación dos nosos nomes de lugar, especialmente graves se temos en conta que se trata dunha web pública posta en marcha por unha institución que teoricamente debería velar pola pluralidade lingüística estatal e polo respecto ás culturas que abrangue España.
“En definitiva, pura aparencia formal de que se respecta o pluralismo lingüístico do Estado español, cando despois a realidade demostra que é unha fraude”, critica o deputado do BNG.

PUBLICIDADE