O BNG aposta por baixar á rúa na súa nova páxina web

venres, 11 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Carme Adán, presentou hoxe en Santiago de Compostela a nova web do BNG

O Bloque Nacionalista Galego presentou este venres en Santiago a súa nova web, unha aposta polo visual, pola limpeza de formas e as novas formas de expresión e comunicación. Nesta liña, inclúe unha boa cantidade de xanelas e puntos de encontro coas redes sociais, cousa que non é nova dentro do partido (cómpre lembrar a súa rede de cibercandidatos 2.0, presentada hai algo máis de un ano).
A web foi presentada por Carme Adán, secretaria de comunicación da Executiva Nacional do BNG, quen fixo fincapé, precisamente, no devandito compoñente visual, a gran aposta da nova achega en liña. De feito, a páxina ábrese cunha galería fotográfica (o que reforza o devandito) que recolle diferentes intres do labor dun grafiteiro adobiando unha parede co logotipo do partido. Isto, que pode parecer un simple recurso gráfico, ten máis miolo do que parece. De feito, non é casual que se aposte por unha intervención na rúa nin por unha práctica artística moi ligada á mocidade. Tanto a baixada á rúa como o achegamento á xuventude son dous obxectivos clave do Bloque. Así nolo explicou: “Trátase dunha web coa que queremos presentarnos diante da sociedade galega como unha organización que leva moitos anos traballando por este país e todo grazas a moita xente, que de xeito anónimo e desinteresado, foi construíndo esta organización”.
A secretaria de Comunicación do BNG explicou tamén que “a través desta páxina os e as internautas poden coñecer as noticias máis salientábeis, a nosa axenda e tamén as nosas proposta e alternativas”. Asemade, achéganse accesos ás redes sociais nas que está presente o BNG así como a Telebng, a canle do BNG en Youtube. Carme Adán manifestou na súa intervención que “queremos tamén que sexa un portal de encontro de debate de ideas, e nese sentido temos apartados de opinión”.
Por certo que tamén se recollen os documentos do BNG, como programas electorais, teses, etc e inclúese un apartado para unirse ao partido. Segundo fixo saber Adán, a nova presenza en liña estará dispoñíbel en breve para as bisbarras da agrupación política e cidades, programándose para o mes de setembro a posta en marcha dunha intranet na que os integrantes das comisións de traballo do BNG poderán establecer comunicación e compartir ideas e propostas.

PUBLICIDADE