O BNG amosa a súa inquietude polo futuro da Rede de Dinamización da Sociedade da Información

mércores, 23 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

A decisión do Goberno galego de unir ámbalas dúas redes autonómicas de promoción da Rede (da que falamos nesta mesma web) está a xerar desconfianza entre a oposición, responsable na anterior lexislatura da posta en marcha das ditas iniciativas. Segundo vén de expoñer o Bloque Nacionalista Galego a través da súa deputada Ana Luísa Bouza, hai unha serie de incógnitas sobre a fusión das redes (o seu futuro, a dotación e mantemento, o financiamento, a contratación das dinamizadoras e dinamizadores) que a actual Xunta non acaba de desvelar. A deputada do BNG explicou perante o Goberno galego que a Rede de Dinamización da Sociedade da Información comezou a súa andaina co anterior Executivo, integrada no Plan estratéxico galego e o a súa finalidade “era acadar a través da alfabetización dixital un recorte na fenda dixital galega naqueles núcleos de poboación con máis atrancos para o acceso a esta plataforma”.
A súa importancia, engade, foi e segue a ser grande, xa que cubre dixitalmente unha boa parte do que até agora ficaba na escuridade, ademais de informar polo miúdo das vantaxes da Rede. Sobre a continuidade deste traballo e sobra a importancia de seguir apostando polo traballo do equipo dinamizador presente e futuro é do que trata unha boa parte dos requirimentos do partido nacionalista, quen incide na necesidade de aclarar o futuro do proxecto: “Descoñecemos o futuro deste instrumento que consideramos estratéxico para que moitos lugares de Galiza con problemas de acceso á información poidan acceder á Internet e a planificación de formación de divulgadores, así como ás actividades e cursos xa programados”. A este respecto, sinala a deputada, aínda están a agardar dende o seu partido a que se respondan a estas preguntas de gran interese para a cidadanía galega.

PUBLICIDADE