O Ateneo de Santiago e o Consorcio recrean a muralla de Compostela a través dunha web

martes, 5 de novembro do 2013 Redacción

Na tarde deste luns 4 de novembro ás 20:00 horas -inserido no marco de Os luns do Ateneo- celebrábase na sede da Fundación Caixa Galicia (rúa do Vilar, 19) unha conferencia baixo o título Un paseo pola muralla de Santiago. Na dita conferencia, organizada polo Ateneo de Santiago e o Consorcio, estivo presente a xerente do Consorcio -María Antón- encargada de amosar a Web-APP Vive a muralla, unha aplicación informática (levada a cabo por arquitectos do Consorcio) que permite descubrir que Compostela segue amurallada.
Tamén asistiron ao evento os arquitectos do Consorcio Idoia Camiruaga e Pablo Tomé, que deron a coñecer todas as posibilidades que achega esta ferramenta. Trátase dunha guía para descubrir que a cidade segue amurallada, pois Santiago de Compostela, como toda cidade medieval, estivo delimitada e defendida por unha muralla. Porén, pensouse que levaba destruída máis dun século, aínda que de certo consérvanse algunhas partes, poucas á vista e a maioría ocultas tralas fachadas dos edificios e baixo o pavimento das rúas e prazas da cidade. Con esta aplicación recóllese o resultado dos últimos traballos levados a cabo polo Concello de Santiago e o Consorcio e poderá verse tanto dende un computador conectado a Internet coma con calquera tablet ou smartphone con conexión de datos.
Engadir que esta aplicación achega planos e información sobre a historia da muralla: a súa orixe, significado, características, usos e a súa evolución ao longo dos séculos, xa que se derrubou de xeito paulatino no século XIX. Asemade, recompílase unha galería de mapas, planos de detalle da construción, fotografías antigas da cidade e imaxes actuais do casco histórico, debuxos e mesmo sons e vídeos do fluír da cidade en diferentes intres do día, ou mesmo un crebacabezas que permite construír a muralla.

PUBLICIDADE