O Arsenal estrea unha web en chinés na procura de novos seareiros... e cartos

martes, 9 de outubro do 2007 Raquel Noya

O Manchester United, o Barcelona ou o Real Madrid xa o fixeron no pasado: foron a China á procura de seareiros nun dos mercados (senón o máis potente) con máis expectativas de futuro do mundo. Daquela (hai unha ou dúas tempadas) non nos era estraño ver a rapaciñas de non máis de 15 anos lucindo a camiseta de David Beckham pola televisión, chorando de emoción ante as masas e toleando por tocar ó seu ídolo branco xunto cos pais e familiares coa mesmiña devoción ca elas.
O Arsenal non quixo ser menos e faltoulle tempo para acudir a China á procura de conquistar tamén o seu poderoso mercado, mais iso si, acorde cos tempos, fixérono vía Internet. O director administrativo do Arsenal, Keith Edelman, vén de presentar a nova páxina web dun dos clubs de fútbol máis grande do mundo, que (como non podía ser doutra maneira) está en chinés, co fin de, segundo palabras de Edelman, “dar acollida a millóns de fans chineses que poidan contribuír algún día ás ganancias do club”.
A través desta web, que é cravadiña á oficial só que cunha chea de signos de difícil comprensión para os occidentais que nunca recibiron clases de chinés, o Arsenal pretende mirar ó futuro e “entrar a formar parte de China, deixándolle ver as cousas que fan e o marabilloso fútbol inglés”.
O club aínda non ten pensado levar ó equipo de xira por este país, mais xa se preparan outras actividades para seguir obtendo seareiros de ollos rasgados. Polo de agora, a venda dos dereitos de televisión desta tempada da Premier League en China a unha pequena empresa de televisión por satélite significa que só unha pequena minoría dos afeccionados chineses poderán ver en acción á liga inglesa, algo que os responsables do club non consideran un problema a curto prazo.

PUBLICIDADE