O Arquivo Universitario da USC, máis preto da cidadanía grazas á Rede

luns, 28 de marzo do 2016 Redacción

Os responsábeis do Arquivo Universitario da USC queren achegar este recurso á comunidade docente e investigadora. Con este obxectivo, lembran que se trata “dunha ferramenta para o ensino que está a disposición de todos os públicos”. O inicio desta nova andaina marcadamente “aperturista” do Arquivo, en palabras da institución académica compostelá “unha das xoias escondidas e menos coñecidas da USC”, coincide coa renovación da páxina web de seu, unha remodelación dirixida a reivindicar o Arquivo “como ferramenta aberta para a aprendizaxe e a investigación”, tanto para a comunidade universitaria como para a cidadanía en xeral.
Coa nova presenza en liña, estreada este mes de marzo, o obxectivo fundamental foi achegar unha descrición “máis uniforme” de cada unha das seccións do Arquivo con referencia á totalidade dos conxuntos documentais a disposición dos investigadores e persoas interesadas. Segundo se fixo saber con motivo da súa posta en marcha, a web salienta por ser “máis áxil, dinámica, completa e actualizada a 2016 en canto á información ofrecida”, sendo os fondos documentais dixitalizados o gran alicerce sobre o que se sustenta.
Lembrar, en termos xenéricos, que o Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ao longo da súa historia, así como por fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á USC. A súa misión inclúe a conservación, ordenación, clasificación e facilitar a consulta e uso da documentación tanto para a administración como para a cidadanía. Segundo sinala o subdirector do Arquivo, Jaime Fariña, estes fondos “son de interese para un amplo abano de perfís e puntos de vista, dende historiadores, investigadores ou expertos/as en xenealoxía, até cidadáns con curiosidade ou interese na consulta de fondos histórico”.
Fariña tamén explica que aínda que a maior parte dos fondos son en soporte papel, o arquivo conta cunha gran colección de pergameos medievais (planos de distintos edificios da cidade e cunha colección de mapas e cartas náuticas procedentes das distintas seccións) e, dende hai anos, pon a disposición da comunidade preto de tres millóns de imaxes dixitalizadas e datos de documentos de diferentes fondos accesíbeis a través da Rede.

PUBLICIDADE