O Apple Watch Series 4 estrea a función de electrocardiograma en Europa

mércores, 27 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe os Apple Watch recibiron a actualización 5.2 de watchOS, o que é unha magnífica nova para usuarios do reloxo de Apple en Europea e Hong Kong, xa que é o xeito elixido pola compañía da mazá para activar unha funcionalidade do Apple Watch Series 4 que estaba desactivada á espera de recibir as autorizacións pertinentes das autoridades sanitarias: a realización de electrocardiogramas.
Temos así que o último Apple Watch potencia enormemente a súa utilidade como un dispositivo orientado á saúde, xa que a través da aplicación ECG dirá ao usuario se o seu ritmo cardíaco amosa síntomas de fibrilación auricular (un tipo de arritmia cardíaca grave) ou, pola contra, un ritmo sinusal (que indica que o corazón late con normalidade). Os datos rexistrados pola aplicación de electrocardiograma poden logo consultarse dende a aplicación de saúde do iPhone, o que facilita compartir os datos recollidos co doutor ou, simplemente, ter máis información ao acudir á súa consulta.
O reloxo de Apple tamén advirte ante frecuencias cardíacas moi altas ou baixas, así como de arritmias, ao detectar os seus síntomas, o que pode resultar de grande utilidade, xa que tenden a pasar desapercibidos, de xeito que é doado descoñecer que se está a comezar a ter un problema de saúde que debe ser atendido.
A aplicación de ECG do Apple Watch Series 4 ten un uso moi sinxelo, xa que só precisa que o usuario lance a app e coloque un dedo sobre a coroa do reloxo durante 30 segundos para que o reloxo rexistre o ritmo cardíaco e xere unha onda de electrocardiograma, que tanto pode gardarse na aplicación de saúde do iPhone como compartirse en formato PDF.

PUBLICIDADE