O AI Song Contest contará na Coruña cun congreso sobre música e IA e dereitos de propiedade intelectual

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

O certame AI Song Contest, tamén coñecido como a Eurovisión mundial da Intelixencia Artificial, celebrará a súa cuarta edición este 2023 na cidade da Coruña levando por lema Walking With AI (O Camiño da IA). A nosa terra competirá, como dixemos os días pasados dende Código Cero, coa canción Florespiña, o tema impulsado polo equipo PAMP!, que recupera coa IA a famosa cantante, presentadora e actriz Ana Kiro (contando colaboración directa do centro CiTIUS da USC).
O evento, que conta dende A Coruña co apoio do Centro de Investigación TIC (CITIC), acolle o uso da Intelixencia Artificial aplicado á composición musical, dirixíndose a todo tipo de artistas de ámbito internacional que se atopen nesta fase de creación.
Nesta edición, o festival contará cunha cerimonia de inauguración que se levará a cabo na noite do venres 3 de novembro no CSA da Cidade das TIC. Na mañá do sábado 4, no mesmo recinto, realizarase o congreso AI & Creation Day cunha programación de charlas e mesas de debate académicas ao redor da música xerada con tecnoloxías intelixentes e sobre os dereitos de propiedade intelectual. Finalmente, á noite terá lugar a gala principal no Studio Follow (Polígono da Grela).
As entradas por día xa se atopan á venda na páxina oficial do evento aisongcontest.com e aplícanse promocións para estudantes.
Por certo que até o 30 de outubro o público pode votar de balde pola súa proposta favorita a través da páxina oficial do concurso.

PUBLICIDADE