O 96% dos centros públicos galegos dispoñen de aulas virtuais

luns, 1 de xuño do 2020 S. P.

O Goberno central, a través do Ministerio de Educación e Formación Profesional, vén de publicar unha estatística que reflicte o estado de saúde da dixitalización dos centros públicos da nosa terra en relación ao ámbito estatal. O informe Ensino non universitario. Sociedade da información e a comunicación nos centros educativos. Curso 2018-2019 achega unha serie de datos relevantes sobre os avances tecnolóxicos da docencia galega, por exemplo o de feito de que estamos á cabeza das comunidades en materia en materia de contornas virtuais de aprendizaxe, aulas virtuais e servizos na nube. Nun plano máis concreto, faise saber que o 96% dos centros de ensino públicos de Galicia dispoñen de aulas virtuais, grazas aos proxectos EDIXGAL e Webs dinámicas, fronte o 41,3% da media estatal.
Ademais, sinálase que o 99% dos centros públicos dispoñen de servizos na nube e o 93,3% dos centros públicos dispoñen de páxina web, fronte ao 86,9% a nivel nacional. Polo que se refire á implicación dos centros educativos públicos en proxectos relacionados coa tecnoloxía educativa, a nosa porcentaxe é do 60,8%, sendo a medida estatal do 36,5%, e só nos superan A Rioxa, Ceuta e Castela e León.
Nos indicadores relativos ao número medio de alumnos por ordenador destinados a tarefas de ensino e aprendizaxe, nos destinados á docencia, e nos conectados a Internet destinados a docencia, situámonos na terceira posición, só por detrás do Euskadi e Estremadura, cunha media de 1 ordenador para cada 1,7 alumnos no primeiro caso, e 2 nos restantes, cando a media do estado e de 2,7 3,3 e 3,4 alumnos por ordenador.
Amais, ocupamos o terceiro posto do Estado en canto a ordenadores por grupo, con 10 equipos por grupo, só por detrás do País Vasco e de Illas Baleares e moi por riba da media nacional, que é 6,7 ordenadores por aula.
Conectividade
No relativo á capacidade de conexión a Internet dos centros educativos, Galicia situase a cabeza xunto con Canarias, cun 96,7% dos centros públicos con conexión a Internet superior a 100 Mbps, fronte ao 35% en España. Esta porcentaxe crece ata o 98,1% se consideramos os centros con velocidade superior a 50 Mbps.
No relativo as aulas con conexión a Internet, Galicia tamén se sitúa no grupo cabeceiro, co 98,1% das aulas habituais de clase con conexión a Internet, por detrás de Valencia, Mellia, Ceuta, Canarias e Cataluña. En canto á porcentaxe de centros con cobertura Wi-Fi, cunha porcentaxe do 98% Galicia sitúase por riba da media nacional que é de 93,6%.
No tocante á dotación de Sistemas Dixitais Interactivos, Galicia situase na cuarta posición, detrás de Melilla, Ceuta e Estremadura, cun 66,6% das aulas con estes servizo, fronte a 58 da media nacional.

PUBLICIDADE