O 8% das empresas españolas xa usan Intelixencia Artificial

mércores, 26 de xaneiro do 2022 S. P.

Sen pausa e máis axiña do que se agardaba, as tecnoloxías disruptivas máis directamente vencelladas á xestión e análise do coñecemento (Intelixencia Artificial, aprendizaxe das máquinas, aprendizaxe profunda, etc) están a gañar presenza en empresas de todo tipo, e dun xeito fluído e en procesos de transformación doados de adoptar. Segundo un novo estudo do Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI), o informe Uso de tecnoloxías dixitais por empresas en España, o 8% das firmas estatais xa fan uso das ferramentas vencelladas ao concepto IA. Os eidos onde ten máis protagonismo a Intelixencia Artificial son os seguintes: procesos de produción, mercadotecnia e vendas.
O informe sostén que as empresas españolas deron un paso importante na transformación dixital dos seus negocios en 2021, “incrementando o uso de tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial, a análise de datos, a computación na nube (Cloud Computing) ou a Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés).
Nun plano máis concreto, as empresas con sistemas intelixentes aumentaron 1,3 puntos porcentuais no último ano, pasando do 7% en 2020 ao 8,3% en 2021. O uso de análise da información a gran escala (Big Data) tamén evoluciona respecto de 2020: máis do 11% utilizaron este tipo de tecnoloxía fronte ao 8% do ano anterior. A meta para 2025 é que unha de cada catro organizacións españolas incorporasen estas tecnoloxías na súa actividade.
Ademais, o 32% das empresas españolas declararon utilizar servizos na nube en 2021, o que supón un crecemento de 4 puntos porcentuais respecto ao ano anterior.
En canto á IoT, a tecnoloxía que interconecta obxectos e dispositivos a través dunha rede, o crecemento foi “moito máis importante”, de 11 puntos porcentuais, o que supón pasar de case o 17% en 2020 a preto do 28% en 2021.
A investigación engade que outras tecnoloxías que experimentaron un crecemento relevante son os sistemas para o intercambio electrónico de datos. As empresas que utilizaban este tipo de intercambio dentro da compañía (ERP) eran o 45% do total en 2019. En dous anos, o proceso de medre foi de máis de 6 puntos porcentuais, até acadar en 2021 preto do 52%. Tamén avanzou o intercambio de datos con provedores e clientes (CRM), pasando de algo máis do 35% en 2019 ao 42% en 2021.
O emprego da sinatura electrónica, pola súa banda, está moi estendido entre as empresas: algo máis de oito de cada dez (82%) usárona en 2021. Tamén case sete de cada 10 empresas fixeron uso das redes sociais (67%), máis de 3 puntos porcentuais por encima de 2020. No relativo ao comercio electrónico, o informe explica que “unha de cada catro empresas realizou vendas mediante comercio electrónico ese ano, o que supón 2 puntos porcentuais máis que en 2019”.


PUBLICIDADE