O 77% da poboación internauta emprega xa a identificación dixital

xoves, 16 de decembro do 2021 S. P.

Red.es presentou este xoves 16 de decembro os resultados do estudo sobre dixitalización da Administración, elaborado polo Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI). Nel faise saber un importante auxe da identificación dixital, que xa é empregada polo 77% da poboación internauta para realizar algún tipo de consulta, proceso ou xestión administrativa, porcentaxe que se incrementa até o case o 87% cando se trata de persoas con idades comprendidas entre os 24 e 35 anos.
Na investigación engádese que a implantación das diferentes opcións de identificación dixital son valoradas de forma bastante ou moi positiva polo 65% dos internautas enquisados, mentres que só o 11% móstrase crítico, posto que considera a súa implantación nada positiva. En xeral, a valoración media que recibe a súa dispoñibilidade é de “notábel”, aínda que quen a utilizaron nalgunha ocasión danlle unha nota superior (7,7). Esta cualificación é inferior entre aqueles que non as utilizaron nunca (6,1).
Algo semellante acontece co grao de confianza que xera o seu uso. En xeral, o 66% das persoas fíanse dos sistemas de identificación dixital mentres que só a 11% mostra certa desconfianza.
Pola súa banda, as canles dixitais de atención cidadá contan con menor popularidade, sinálase, engadindo que “só son usadas por unha terceira parte da poboación (o 34%)”.
Por outra banda, case a metade das persoas enquisadas móstranse moi ou bastante favorábeis coa adopción de asistentes virtuais ou chatbots como unha ferramenta máis de comunicación coa Administración, fronte ao 24% que se manifesta crítico con este tipo de atención.
O informe explica tamén que o 57% dos enquisados móstranse moi ou bastante interesados na unificación da caixa de correos de notificacións da Administración pública, a través da que se poidan consultar as comunicacións enviadas desde os distintos organismos públicos.
O estudo reflicte asemade que a maioría da cidadanía (68%) realizou xestións ou trámites da Administración pública de maneira telemática, sendo as persoas con idades comprendidas entre os 55 e 64 anos quen máis o fixeron (o 74%).
Doutra banda, máis do 64% dos enquisados considera moi ou bastante positivo o poder realizar trámites online. Ademais, as persoas que os levaron a cabo nalgunha ocasión móstranse bastante satisfeitas e, en xeral, outórganlles unha valoración media de case un 8.

PUBLICIDADE