O 70% dos españois que procuran parella na Internet menten sobre o seu perfil

xoves, 15 de febreiro do 2007 Raquel Noya

Obreiros da construción que se fan pasar por bailaríns de ballet, repartidores de gaseosas que aseguran ser cirurxiáns plásticos, rudos carpinteiros con supostas mans de masaxista, amas de casa convertidas en sofisticadas executivas de contas... Internet está ateigado de mentireir@s piados@s que na súa arela por ligar menten sobremaneira. Polo menos, así vén reflectido nun estudo (realizado con motivo do día de San Valentín) sobre os hábitos dos españois que buscan parella na Rede e no que consta tamén este dato: sete de cada dez internautas non se axusta á verdade no seu perfil nas páxinas web de contactos ás que acoden ou ó falar por primeira vez con outra persoa na Internet.
Da enquisa, realizada polo portal El Planazo sobre unha mostra de 7.882 persoas, recóllense datos como que “menten máis as mulleres cós homes (77 por cento fronte ó 71), ou “o 45 por cento dos varóns síntese totalmente enganado”; porcentaxe que cae ó 19 por cento (pobres inxenuas) no caso delas. Pero hai máis: “Só dúas de cada dez mulleres atopan o que procuran na Rede (e iso sen subir moito o nivel de esixencia), mentres que nos homes a cifra de éxito redúcese a un de cada dez.
O estudo tamén revela que o 70 por cento das mulleres que buscan parella por Internet quedou algunha vez con alguén que coñeceu na Rede; algo que só o 41 por cento dos homes acadou, aínda que “a terceira parte das persoas que fixaron un encontro con alguén a través de Internet sentiuse logo decepcionada (se cadra ó atopar ó camioneiro de bandullo salientable no canto do atractivo vicepresidente executivo que afirmaba ser).
Son máis os homes que buscan parella por Internet e só tres de cada dez mensaxes que mandan a mulleres son contestados (e iso que menten a eito, tanto eles coma elas). Iso si: elas deben ser mellores no arte do engano (tamén coñecido como “mentir por non ter nada que facer”) pois reciben contestación ó 80 por cento das súas mensaxes.

PUBLICIDADE