O 65% das empresas da Coruña de entre 10 e 50 traballadores xa se benefician das axudas de dixitalización do Goberno
mércores, 9 de novembro do 2022
María
Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, fixo balance da incidencia
na provincia do programa Kit Dixital, que pon en xogo axudas para
mellorar a competitividade das pemes e das persoas autónomas a
través da transformación tecnolóxica. Foi
nunha xuntanza cos representantes da Asociación de Empresas do
Polígono de Pocomaco, a quen Rivas agradeceu o traballo de
acompañamento e asesoramento que está a desenvolver para que
“este programa chegue ao maior número de empresas”. Na reunión
Rivas avanzou que o 65% das empresas de entre 10 e 50 traballadores
da provincia da Coruña xa se están beneficiando das axudas á
dixitalización do Goberno de España cun impacto de 8 millóns de
euros en bonos do Programa Kit Dixital.
Tal
e como explicou a subdelegada, o Goberno ofrece co Plan de
Recuperación, Transformación e Resiliencia, do que forma parte o
Kit Dixital, bonos que van desde os 2.000 euros ata os 12.000 euros,
dependendo do tamaño da empresa, coa finalidade de avanzar na
dixitalización de áreas clave como presencia en Internet, deseño
da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores,
oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de
procesos e ciberseguridade.
“O
futuro é dixital e desde o Goberno de España traballamos para que
esa dixitalización chegue a cada empresa da provincia”, sinalou. E
nesta tarefa, agradeceu á Asociación de Empresas do Polígono de
Pocomaco e á súa presidenta, Lucía López, o traballo de
acompañamento e asesoramento que está a desenvolver para que as
axudas do Kit Dixital cheguen ao maior número de persoas
beneficiarias.
María
Rivas tamén destacou a rapidez e eficiencia coa que se están
xestionando todos os pedimentos do plan. Así, sinalou que, se se
mantén a actual velocidade na solicitude dos bonos, durante 2023 xa
estarán repartidos os 3.067 millóns de euros cos que está dotado o
Kit Dixital, procedentes dos fondos Next Generation.
Nesta
convocatoria, todos os expedientes xestiónanse cunha plataforma
creada pola entidade Rede.es, que recibe todas as solicitudes e
analiza os requisitos só co pedimento e os datos fiscais do
solicitante, sen ningún papel.
Na
reunión, a subdelegada lembrou que o Kit Dixital conta con tres
convocatorias abertas, que se puxeron en marcha en sete meses, e que
agora “conviven de forma paralela”. A primeira liña, para
empresas de entre 10 e 49 empregados, conta con axudas de 12.000
euros e o prazo finaliza o 15 de marzo de 2023; a segunda
convocatoria, para pemes de entre 3 e 9 empregados, ofrece bonos de
6.000 euros e o prazo está aberto ata o 2 de setembro do ano que
vén; e a última, dirixida ás micropemes e autónomos de entre 3 e
0 traballadores, dispón de bonos de 2.000 euros ata o 20 de outubro
do 2023.