O 64,7% dos fogares galegos tiña en 2013 conexión a Internet, un 2,7% máis

venres, 16 de maio do 2014 Redacción

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de elaborar unha enquisa sobre a introdución das TIC nos fogares galegos tirando varias conclusións de interese. Entre elas, que o 64,7% dos fogares galegos xa contaba con conexión a Internet en 2013, establecéndose un incremento do 2,7% respecto a 2012. Por certo que as cifras de conexións con banda larga practicamente coinciden coas devanditas, cun 64% dos fogares e cunha taxa de incremento do (tamén) un 2,7% con respecto ao ano previo.
Segundo se apunta, entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, máis da metade (55,2%) accede a través dun dispositivo móbil, 8 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por fío ou fibra óptica sitúase nun 24,9%, 6 puntos máis que a media estatal (18,9%). O 68,5% dos fogares galegos dispón dalgún computador, diminuíndo nun punto a distancia respecto da media estatal e experimentando un incremento do 0,7% con respecto aos datos do ano anterior. O 66,4% dos galegos e galegas empregaron o ordenador nos últimos tres meses, reducindo a diferenza coa media estatal en 0,5 puntos porcentuais e cun incremento dun 0,5% máis que no ano 2012. Un 65,3% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 2,8%, con respecto ao ano anterior.
Outro resultado que amosa este ensaio do INE é que Galicia se atopa nunha posición de vantaxe respecto do Estado en canto a uso de computador e Internet no grupo de idade de 16 a 34 anos. A proporción de galegos de 16 a 34 anos que empregaron o ordenador e Internet nos últimos tres meses en Galicia superou o 92%, situándose por riba do valor estatal.
O uso dos servizos de Internet, por parte dos internautas galegos amosa valores superiores aos do resto do Estado nalgúns aspectos. Así, un 78,7% le ou descarga xornais ou revistas en liña, 8,5 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65% dos galegos usuarios de Internet participa en redes sociais de carácter xeral (Facebook, Twitter ou Tuenti).
No caso das redes de tipo profesional (Linkedin ou Xing), o 15,3% dos internautas galegos serviuse de Internet para participar nelas. Estas porcentaxes de uso das redes sociais superan a media estatal en 0,7 e 0,9 puntos, respectivamente.
É preciso salientar un aumento dos galegos no uso (4,8 puntos máis que o Estado) de servizos relacionados coa participación política e social.
Os datos do INE correspondentes ao ano 2013 amosan que Galicia sobe un chanzo na listaxe de Comunidades Autónomas en canto a uso dos servizos da e-Administración, ocupando a 2ª posición (sendo só superada pola Comunidade de Madrid).
Para rematar pódese resumir que a introdución e uso das TIC nos fogares galegos está a medrar a máis velocidade que no resto de España e Europa. Segundo os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -adscrito á AMTEGA- correspondentes ao ano 2012 indícase que a contratación do servizo de Internet na Comunidade incrementouse un 53,4% no período 2008-2012, superando ao ritmo estatal e ao europeo.

PUBLICIDADE