O 59% dos condutores galegos recoñece terse distraído con dispositivos tecnolóxicos

venres, 12 de agosto do 2016 Redacción

As empresas Race, Castrol e BP presentaron este verán un novo estudo sobre as principais distraccións dos condutores ao volante, unha listaxe de cousas nas que teñen un especial protagonismo as novas tecnoloxías. Ou mellor dito: un mal uso das novas tecnoloxías. No informe hai datos sobre o comportamento das galegas e galegos conducindo. Segundo se fai saber, o 59% dos nosos condutores distraeuse algunha vez ao manipular ferramentas e servizos tecnolóxicos no vehículo en marcha. No informe, a nivel xenérico, tamén se lembra que as distraccións provocadas por estes ou outros comportamentos están a día de hoxe na orixe da maior parte dos sinistros na estrada.
A investigación é o alicerce e complemento da campaña Mans ao Volante, impulsada polas ditas empresas para concienciar aos condutores da importancia de manter a atención na estrada e no guiado seguro do vehículo. En base a isto, deuse a forma a unha web específica, www.manosalvolante.es, onde poderemos atopar vídeos formativos sobre como conducir mellor (menos distraídos), infografías, entrevistas, xogos e concursos en Facebook.
Respecto das accións levadas a cabo polos condutores galegos nos habitáculos dos seus automóbiles que puideran ser orixe de distracción, as máis frecuentes están relacionadas cunha condución normal e non derivan en risco. Son cousas como por exemplo activar o limpiaparabrisas ou as luces nun 99% dos casos; baixar as xanelas (o 99%), manipular a radio, o MP3 ou escoitar un CD (o 86%). Xa nun chanzo de accións que poden derivar en distraccións máis serias, un 45% de condutores galegos recoñeceu ter regulado os retrovisores en plena condución, o 24% dixo ter feito o mesmo co asento ou repousacabezas, e un 27% dos condutores recoñeceu ter manexado o navegador/GPS mentres conducía. Nun nivel de máis risco potencial, o 2% dos condutores galegos accedeu a Internet desde o vehículo, o 17% tentou sincronizar dispositivos co propio automóbil e o 15% procurou obxectos no portaluvas durante a condución.

PUBLICIDADE