O 3º certame de Santiago para visualizar nas redes o uso comercial do galego recibiu 300 imaxes

martes, 12 de xuño do 2018 Redacción

A imaxe gañadora en Instagram

O certame Fotolingua do Concello de Santiago, dirixido a visualizar e salientar nas redes sociais o emprego comercial da nosa lingua, a pé de rúa, vén de pechar a súa terceira edición. E fíxoo cunha cifra nada desprezábel de imaxes participantes: 300 fotografías únicas de establecementos locais, todos eles co nexo común de apostar polo galego para promoverse e comunicarse cos clientes e coa cidadanía en xeral. A cifra é aínda máis salientábel se a comparamos coas imaxes que concorreron na anterior edición: 98. Todas elas, as das tres convocatorias, chegan á veciñanza a través dos espazos propios que o concurso ten no Facebook e máis en Instagram.
Segundo informa o Concello, o prazo para participar en Fotolingua pechouse o pasado 7 de xuño. Nesta terceira convocatoria foron presentadas 221 imaxes diferentes e únicas, fronte ao total de 98 publicadas na anterior edición, algunhas delas duplicadas nas dúas redes sociais. Ademais, para animar a convocatoria desde a organización e tamén desde moitos establecementos sumaron outras 73 imaxes, alcanzando o total de 294 fotografías. As imaxes superaron un alcance de 6.000 visualizacións e provocaron máis de 4.000 interaccións.

A fotografía elixida finalmente en Facebook

Como dixemos, Fotolingua bota man de Facebook e Instagram para dar visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que o empregan e animando a outros a que o fagan e tamén. En cada edición escóllense dúas imaxes gañadoras, unha seleccionada pola organización e outra elixida polo público a través dos gústame. As gañadoras recibirán como agasallo cadansúa cámara Polaroid Snap.
O Concello tamén deu a coñecer a imaxe premiada polo público nesta terceira edición, publicada en Instagram por @orballoooo e recollida no escaparate da tenda de agasallos Mononoke, da rúa de San Pedro. A imaxe obtivo 394 likes. Desde a organización seleccionouse a imaxe publicada en Facebook por Ana Arceo Túñez da lavandería Rodela, na rúa de Alejando Pérez Lujín. Ademais, o Departamento de Lingua, que xestiona esta convocatoria, quixo destacar tamén a especial atención que lle dedicaron ao concurso dous dos participantes: Xaime Varela Sieiro e Rafael Rodríguez Rey.

PUBLICIDADE