O 3º Plan Único levará a banda larga a preto de 10.000 familias e empresas das nosas zonas rurais

mércores, 9 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, achegou detalles sobre a terceira convocatoria do programa Único-Banda Larga, o novo impulso do Goberno de Pedro Sánchez para completar a conectividade dixital ultrarrápida do territorio galego, a través do cal, dixo, levarase a conexión a Internet mediante fibra óptica a 9.429 familias e empresas de zonas rurais e remotas da comunidade.
Pedro Blanco puxo en valor a terceira convocatoria, xa aberta, do programa que xestiona o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais. Esta liña, engadiu, reserva para Galicia un total de 19,7 millóns de euros que se destinarán financiar os proxectos de conexión necesarios para acadar o obxectivo de conectividade proposto.
O delegado do Goberno destacou do programa Único que, de entre as liñas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é o “que máis impacto ten sobre o territorio e a cidadanía pois beneficia á totalidade dos concellos de Galicia achegando un servizo esencial para a súa poboación como é a cobertura ultrarrápida de acceso a Internet”. Ademais, lembrou que “é un elemento estratéxico das políticas de reto demográfico como un dos eixes centrais de acción do Goberno”.
Pedro Blanco sinalou que a convocatoria de 2023 dá continuidade ás postas en marcha en 2021 e 2022, que xa están en execución.
Tamén explicou que sumando os proxectos en marcha ao que se executarán coa actual convocatoria, “o Goberno achegará a conexión ultrarrápida a internet mediante fibra a 236.154 fogares e empresas de Galicia antes da fin de 2025”. En total, as tres convocatorias supoñen un investimento de 90,9 millóns de euros.
Por provincias, na Coruña o programa conectará a 54.685 fogares e empresas cun investimento do Goberno de 21,4 millóns de euros. En Lugo, estenderase a fibra a 80.503 fogares e empresas con 27,1 millóns de euros. En Ourense, beneficiaranse 57.056 fogares e empresas para o que Goberno achegará 23,6 millóns de euros. Por último, na provincia de Pontevedra dotarase desta tecnoloxía a 43.910 fogares e empresas, cun investimento estatal de 18,8 millóns de euros.
A terceira convocatoria abriuse o pasado luns e permanecerá aberta ata o vindeiro 15 de setembro. Ata esa data, as empresas de telecomunicacións poderán presentar as súas propostas.
O Goberno subvenciona en Galicia o 80% do custe dos proxectos, que, en palabras de Pedro Blanco “son un exemplo de colaboración público-privada, xa que as empresas achegan o que resta ata a totalidade do custo destas actuacións”. Os proxectos deberán estar finalizados antes do 31 de decembro de 2025.

PUBLICIDADE