O 27% dos usuarios de dispositivos móbiles garda neles datos que non queren amosar

mércores, 9 de decembro do 2015 Redacción

En xuño deste ano Kaspersky Lab (empresa de solucións de seguridade endpoint) e B2B International levaban a cabo un estudo para informar sobre o risco de seguridade dos usuarios de dispositivos móbiles. A enquisa, que recolle as respostas de 12.355 persoas a partir dos 16 anos dun total de 26 países (entre eles España) conclúe que o 88% dos españois almacena información importante e confidencial nos seus smartphones, incluíndo contrasinais, mensaxes, fotografías, contactos, arquivos e máis. O 27% afirma que garda información nos seus dispositivos que non lle gustaría que ninguén máis vise.
Asemade, os usuarios confesan que non se separan destes dispositivos e que os empregan en calquera parte: no traballo (55%), no coche (38%), no transporte público (53%), na cama (62%) e mesmo no baño (45%).
Fóra de casa, estes dispositivos enfróntanse a riscos potenciais como danos físicos, perda ou roubo; pero tamén existe a posibilidade de seren hackeados co fin de roubar os datos ou espiar ao usuario. Cómpre subliñar que os dispositivos que usan redes Wi-Fi abertas son particularmente vulnerábeis a estes ataques. Con todo, pouca xente toma medidas para reducir o risco.
O estudo de Kaspersky Lab amosa que só o 35% dos españois adapta as súas actividades en liña cando está nunha rede Wi-Fi pública insegura malia ao feito de que os ciberdelincuentes poden interceptar os datos e os contrasinais. Un pouco máis da metade dos usuarios españois, o 55%, aproveita as medidas de seguridade que veñen co dispositivo como o bloqueo remoto ou a función de atopa o meu dispositivo.
O impacto de non protexer os dispositivos que levamos connosco pode chegar a ser moi importante. Segundo o estudo, o 17% dos españois cuxo dispositivo se perdeu ou foi roubado descubriu que a información persoal ou secreta rematou por filtrarse.
Dende Kaspersky Lab recomendan elixir contrasinais seguros para os nosos dispositivos e para as contas en liña, instalar unha solución de seguridade de confianza, ter coidado ao acceder a sitios web e ao descargar aplicacións, en particular a través de redes Wi-Fi inseguras.

PUBLICIDADE