O 18% das grandes empresas españolas xa apostan pola IA, superando á media europea

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

España está a día de hoxe por enriba da media europea na incorporación das tecnoloxías de Intelixencia Artificial por parte das empresas. Así o certificou o observatorio ONTSI (Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade), adscrito a Red.es, que vén de presentar un dossier (que podemos ver en PDF) sobre a adopción das ferramentas intelixentes no tecido produtivo durante o ano 2020, poñendo o foco en España e tamén no ámbito da Unión Europea.
Segundo recolle o documento, a intelixencia artificial (IA) ten, en xeral, un baixo nivel de adopción nas empresas europeas. España, cunha incorporación de IA nas empresas do 7%, figura por encima da media da Europa dos 27 que se sitúa no 6%. Os países líderes son os angloparlantes Irlanda (20%) e Malta (15%), seguidos dos nórdicos Finlandia (10%) e Dinamarca (9%).
No informe faise saber saber que entre as visións máis positivas sobre este tipo de tecnoloxías, atópanse as que esperan que a IA se inclúa de forma intensiva nas empresas “incrementando a produtividade, a riqueza e modificando a estrutura laboral da maior parte dos sectores económicos, incentivando a creación de novos perfís laborais, especializados e de alto nivel”.
Atendendo ao tamaño das empresas, o 18% das grandes empresas españolas xa apostan pola IA, fronte ao 17% da media da UE. Pola súa banda, nas pemes os datos de adopción de IA son aínda moi modestos tanto para o caso de España (7%) como para a media da UE (6%).
Se se ten en conta o tipo de tecnoloxía IA, a máis empregada nas empresas españolas (tanto grandes empresas como pemes), é a aprendizaxe automática a través de Big Data (4%), seguida dos robots de servizo (3%), os asistentes virtuais a clientes ou chatbots (2%) e o procesamento de linguaxe natural (1%).
Segundo o grao de adopción da IA por sectores empresariais en España, a rama de actividade das axencias de viaxes e de reservas de operadores turísticos é a máis proclive ao seu uso, abranguendo o 14% do sector. Séguenlle as empresas de información e comunicación e o sector TIC, cun 13% de adopción de sistemas de Intelixencia Artificial. Tamén é intensivo o seu emprego en compañías eléctricas e nos sectores de transporte, comercio polo miúdo e aloxamentos, con usos de ferramentas con IA por encima do 10%.

PUBLICIDADE