O 061 quere potenciar o seu servizo de asistencia sanitaria vía web

martes, 17 de xullo do 2012 Marcus Fernández

O director de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, acompañado polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, asegurou hoxe en rolda de prensa que a súa Fundación Pública impulsa o servizo de consulta en liña a través da súa nova páxina web, renovada o pasado mes de maio, que facilita aos cidadáns ao acceso en tempo real sobre temas de saúde non urxentes aos profesionais sanitarios do 061.
Félix Rubial destacou que a consulta médica telefónica, a través do número de teléfono 061 e o 902 077 333, é un dos servizos principais da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia- 061. Os datos rexistrados sobre a actividade do 061, desde os seus inicios, amosan que máis do 50% das demandas de asistencia sanitaria non requiren activación e mobilización de recursos resolvéndose mediante consulta médica e información sanitaria.
Atendendo a esta tendencia, grazas ao avance das TIC e aproveitando as vantaxes que a Rede ofrece, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 aposta por un servizo de consulta en liña a través da súa páxina web e do teléfono de servizos multicanle de SERGAS, utilizado tamén para acceder a unha cita médica de atención primaria ou para comunicar que non se pode acudir a unha cita no hospital. Esta idea ofrece un servizo tanto aos cidadáns como a profesionais sanitarios que desexen contar coa opinión dun compañeiro.
Esta fiestra ao exterior, desenvolvida grazas á colaboración da Consellería de Sanidade e seguindo as liñas mestras da organización, está dirixida á poboación galega, institucións colaboradoras, profesionais sanitarios, empresas así como aos medios de comunicación. O obxectivo é que atopen rapidamente a información axeitada para eles constituíndose como un lugar de encontro entre o 061 e os diferentes grupos de interese, e atendendo ás necesidades de cada un. Para acceder dunha forma directa creáronse as pestanas de Cidadanía, Profesionais, Empresas, Feitos Vitais e Actualidade.
É por isto que os contidos abranguen dende información institucional sobre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os diferentes servizos que ofrece a poboación galega, así como a explicación do funcionamento do servizo de emerxencias galego e o dispositivo que se pon en marcha cando un usuario chama a Central de Coordinación.
Nesta web contemplouse un apartado onde están dispoñibles en formato dixital as memorias de actividade dos últimos anos e publicacións gratuítas da Fundación. Ademais, navegando a través das diferentes pestanas, os internautas tamén poden acceder a información sobre os programas de investigación que se atopan en funcionamento dende a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e atopar a oferta de actividade do Centro de Formación en Medicina de Urxencias, Emerxencias e Catástrofes de Galicia que se desenvolve conxuntamente coa Fundación Escola galega de administración sanitaria (FEGAS).

PUBLICIDADE