Núñez Feijoo destaca a reunificación das actuacións da Xunta relativas ás TIC

xoves, 28 de xaneiro do 2010 Redacción

Tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou que o Plan estratéxico tecnolóxico global da Xunta terminará coas «illas tecnolóxicas» por consellerías. «Será un plan para toda a Xunta; no que todos os departamentos responderán a unha única supervisión e terán que responder aos mesmos criterios de compra e mantemento dos programas informáticos», explicou o mandatario autonómico, quen asegurou que este era obxectivo da creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, dependente da Presidencia da Xunta.
Núñez Feijoo salientou que se trata dun plan ambicioso, pioneiro na Xunta e que supón un paso máis na programación en materia tecnolóxica. «É unha estratexia para ser máis útiles, sobre todo aos cidadáns, que poderán ter un contacto máis directo coa Administración a través das novas tecnoloxías; ás empresas e aos emprendedores que poderán realizar trámites que antes levaban días en minutos; e aos traballadores públicos que poderán alixeirar o seu traballo e acadar unha maior eficiencia», resumiu, destacando tamén as actuacións acometidas nestes últimos 9 meses no eido das novas tecnoloxías, entre as que destacou a aprobación dun Plan TIC de medidas urxentes e dun Plan director de banda larga, cun investimento de 102 millóns de euros. Así mesmo, Feijoo salientou a posta en marcha dun novo portal web, o acordo coa FEGAMP e as deputacións en materia de e-Goberno e as melloras tanto no funcionamento interno da Administración con actuacións como o rexistro telemático, como na atención exterior coa factura e a licitación electrónica e o prazo de 45 días para abonar os pagos pendentes.

PUBLICIDADE