Novo proxecto para mellorar con TIC a calidade de vida das persoas con Parkinson: o proxecto Mememtum

martes, 16 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

A semana pasada púxose de relevo a nivel internacional unha das principais doenzas neurolóxicas do noso tempo no Día Mundial do Parkinson e en Código Cero non quixemos deixar pasar a oportunidade de falar do que se está a facer dende o eido TIC a prol de mellorar a calidade de vida das persoas que sofren este mal. Se daquela afondamos no proxecto Help, agora chéganos á redacción outra proposta de gran potencial para optimizar os coidados e a independencia dos ditos colectivos, trátase do proxecto Mememtum, que vén da man da empresa Taniwa e que consiste nunha aplicación móbil que permite avaliar o estado dun doente con trastornos do movemento e problemas de coordinación derivados de enfermidades como o Parkinson ou a esclerosis múltiple.
A aplicación vai carretada sobre un teléfono móbil con cámara, que é o instrumento fundamental para verificar como se atopa o paciente e como evoluciona, achegándonos un diagnóstico logo de enfocar ao doente. E con só uns segundos de marxe. O proxecto, que conta cun vídeo descritivo de seu, diríxese por unha banda a facilitar a atención ás persoas que sofren este tipo de males e, por outra banda, a pórlles a tódolos implicados (familiares, pacientes, coidadores, médicos) as cousas o máis doadas posíbeis, incluído o labor de seguimento. En virtude desta iniciativa, sinala a empresa, “aos médicos entrégaselles unha ferramenta de valoración obxectiva coa que poden revisar a gravación para corroborar o diagnóstico automático; aos doentes e familiares permíteselles facer o seguimento dende o fogar, aforrándose desprazamentos; e ao sistema sanitario achégaselle a posibilidade de aforrar custes”. Cómpre sinalar que o proxecto é precisamente iso: un proxecto. Polo tanto, precisa recursos para converterse nunha realidade espallada e de uso común. Para isto, necesítase tamén desenvolver un prototipo que implicaría un investimento de 16.000 euros e de tres mes de traballo (desenvolvemento, deseño, aplicación, etc). “Con este prototipo”, informa a empresa, “poderemos probar a idea e a tecnoloxía cun grupo de pacientes e acadar o financiamento que se require para investir no persoal”. Deste xeito, a empresa está a apostar arestora polas metodoloxías do crowdfounding que, como saberemos, consiste en buscar na comunidade en liña o que doutro xeito, establecendo comunicación con poucos investidores potenciais, sería inviábel: falamos de acadar pequenas achegas de moitas persoas, a través de ferramentas como Verkami, servizo onde xa está Mememtum aberto á participación e ao co-financiamento compartido.

PUBLICIDADE