Novo número da revista O Barbanza

mércores, 23 de xuño do 2021 Redacción

Con San Xoán chega unha nova edición da nosa revista mensual O Barbanza. Un número que está a ser distribuído de balde nos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, O Son, Noia, Lousame, Outes e Dodro, podendo tamén consultarse na súa edición dixital.
Este número aborda a reactivación do turismo na comarca barbancesa nestes inicios de verán, informamos tamén de como botarnos ao mar do Barbanza dende os portos, coas distintas alternativas de rutas en barcos ás illas e pola ría. No eido turístico incluímos algúns dos areais máis destacados e achegamos múltiples opcións para coñecer o litoral. Neste tempo estival as viaxes son as grandes protagonistas e que mellor que coñecer as novas vantaxes para a mobilidade dos mozos galegos cunha iniciativa de gratuidade do transporte interurbano para menores de 21 anos en toda Galicia.
Traemos a cultura para dar a benvida ao verán coa axenda de actividades no Barbanza que é de todo menos breve, e entrevistamos a Francisco Antonio Vidal, Premio Laudamuco de Teatro, e como estamos no mes de xuño, os nosos Concellos súmanse á nova campaña da Deputación a prol das diversidades sexuais ás que tamén se une Ribeira que celebrará o Día do Orgullo LGTBIQ+ cun completo programa de actividades entre o luns 28 e o sábado 3 de xullo.
A potenciación do comercio local e as actividades polo medio mariño coa iniciativa de CONGALSA que co seu equipo celebraron con obradoiros de sustentabilidade do Día do Medio Ambiente e as novas máis salientables completan as páxinas deste número de xuño da edición impresa de O Barbanza.
Son só algunhas das moitas reportaxes que traen as páxinas de O Barbanza que coma sempre cunha tiraxe de seis mil exemplares, está a ser repartido xa de balde en tódolos concellos da comarca e pódese consultar vía web, espazo dixital que acadou no mes de maio os 2.1641 usuarios distintos/día e ronda xa os 1.770 seareiros en Facebook, así como tamén conta cun boletín diario de balde co resume das novas do día.

PUBLICIDADE