Novo impulso á estratexia turístico-innovadora Lugo Cambia

venres, 16 de agosto do 2019 Redacción

Lugo Cambia, o innovador programa turístico da Deputación que ten nas redes sociais un dos principais piares de actuación, promoción e divulgación, recibiu hoxe un novo impulso por parte da entidade provincial lucense. O empuxe consiste en dar continuidade á presenza do presentador de televisión Martín Barreiro, referencial comunicador meteorolóxico a nivel galego e estatal e un dos grandes embaixadores culturais, sociais e turísticos da provincia (Barreiro é natural do concello de Lugo).
Barreiro, fixo saber a Deputación, proseguirá no seu cometido de acompañar e relanzar as novas accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia, creada pola Deputación no marco do Plan Estratéxico de Turismo.

O comunicador Martín Barreiro nunha das anteriores accións turísticas da Deputación

A Xunta de Goberno aprobou este venres a contratación de Barreiro para este fin. “Cremos que unha persoa coma el moi recoñecida socialmente a nivel nacional, cunha imaxe positiva e de credibilidade, e con grandes dotes comunicativas, contribúe de xeito importante a proxectar a imaxe da nosa provincia no exterior”, subliñou a voceira socialista do Goberno e Deputada de Turismo, Pilar García Porto.
Novidades de Lugo Cambia
A colaboración de Barreiro non será este ano a única novidade de Lugo Cambia, a estratexia de promoción turística da entidade provincial. A pasada primavera, sen ir máis lonxe, deuse a coñecer unha iniciativa de sinalización intelixente que tirará proveito dos móbiles dos visitantes e residentes e que mostrará en detalle, a través dos dispositivos, todos os recursos turísticos da provincia e como chegar a eles e desfrutalos.
Outra das novidades foi a aprobación das bases do novo premio Lugo Cambia, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que constará de dúas modalidades: ao turismo e á gastronomía. Con estes galardóns, que se convocarán o vindeiro ano, recoñecerase o traballo de persoas, entidades ou institucións a prol do fomento da promoción turística da provincia, así como actuacións innovadoras na gastronomía lucense.

PUBLICIDADE