Novo impulso á Cidade das TIC coa constitución da sociedade de xestión compartida

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

O Concello da Coruña, a Deputación, a UDC e a Xunta (IGAPE) achegaron esta semana máis detalles sobre o proxecto para converter a antiga Fábrica de Armas da cidade na Cidade das TIC, un proxecto que conta xa cun marco de xestión compartida, amais dun investimento notábel. As ditas entidades destinarán á iniciativa unha contía de 180.000 euros. O Goberno local, a través do concelleiro de Economía José Manuel Lage, fixo saber que achegará 75.600 euros ao proxecto, o 40% do mesmo.
Na tarde deste 20 de xullo a Deputación aprobou o convenio da xestión compartida cos votos a favor de PP, PSOE e BNG e a abstención da Marea (un convenio que o Goberno local elevará a Xunta de Goberno local) e que ten por obxecto “sentar as bases da colaboración entre as partes para dinamizaren a construción e dotación da Cidade das TIC, de xeito que se poida materializar no menor espazo de tempo posíbel”.
Segundo fixo saber Lage, “tanto a alcaldesa Inés Rey como presidente provincial Valentín Formoso apostaron desde o primeiro día polo proxecto que capitaneou Julio Abalde desde a Universidade. Agora estamos dando os pasos necesarios para constituír a sociedade de xestión da Cidade das TIC e coa aprobación deste convenio por parte de todas as institucións impulsaremos o plan director". O edil engadiu que a estrutura de gobernanza formalizarase a través dunha sociedade pública en que se integrarán todas as institucións públicas que poden contribuír tanto na fase dos investimentos iniciais como en fases posteriores.
Como dixemos, o orzamento para a execución das actuacións previstas no presente convenio é de 180.000 euros, dos que o Concello aportará case a metade cun total de 75.600 euros, o que representa o 42% do total. O IGAPE financiará a Cidade das TIC con 36.000 euros, o que supón o 20% e idéntica cantidade será aportada pola Deputación. A UDC destinará unha achega máxima de 30.600 euros (o 17%) e o Clúster achegará 1.800 euros (o 1%).
Lage explicou que co plan director poderase analizar o contexto tecnolóxico, social, cultural e normativo en que se encadra a Cidade das TIC e mais avaliar a contribución desta infraestrutura particular tanto para o sector como para o conxunto dos sectores produtivos que teñen nas tecnoloxías a súa principal ferramenta de innovación e competitividade. “Como resultado”, dixo, “obterase un plan estratéxico que resumirá o fin e a misión da Cidade das TIC así como os seus obxectivos a curto e medio prazo, unha planificación das actuacións e investimentos a realizar na posta en marcha do complexo nos próximos anos e un plan de xestión da cidade e das súas infraestruturas, co deseño dun modelo de negocio sustentable e un plan de sustentabilidade económico-financeiro”.
Por outra banda, constituirase a nova sociedade xestora da Cidade das TIC e cuantificaranse as achegas económicas por parte das administracións públicas que a integran. No marco desta actuación estudaranse as diferentes fórmulas xurídicas de interese e tramitaranse os diferentes pasos de cara a constitución da sociedade pública: elaboración do plan de actuación, estatutos, xestión da inscrición ante o rexistro e notaría.

PUBLICIDADE