Novo director de Planificación Industrial en Arteixo Telecom

luns, 12 de abril do 2010 Raquel Noya

Rubén Lestón, un licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela que conta con preto de 10 anos de experiencia en Arteixo Telecom, vén de ser nomeado pola compañía como director de Planificación Industrial, posto que o reporta directamente á Dirección Xeral e que o leva a ter ao seu cargo os departamentos de Dirección de Produción, Mantemento Industrial, Dirección de Enxeñaría, Planificación, Almacén, Postventa e Compras.
Lestón incorporouse a Arteixo Telecom en 2001 como Enxeñeiro de Compras, pasando dous anos máis tarde a ocupar o cargo de director do departamento, responsabilidade que viña exercendo ata a data. Agora ascende a un dos postos do primeiro nivel directivo da compañía, dende o que se marca como obxectivos prioritarios da súa xestión “continuar a política de investimentos para aumentar a capacidade tecnolóxica da compañía, mellorar a eficiencia dos procesos e o rendemento da planta industrial, e garantir o alto nivel de calidade que caracteriza o produto fabricado por Arteixo Telecom”.

PUBLICIDADE