Novo curso sobre o manexo da OVGAN, da eAdministración e das apps da PAC

luns, 19 de setembro do 2022 Redacción

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar en Bergondo un curso sobre o manexo da oficina virtual de gandaría, da administración electrónica e das aplicacións móbiles da PAC. A formación terá unha duración de 15 horas e impartirase ao longo de seis días en horario de tarde, desde as 16:00 até as 18:30, a partir do vindeiro martes 27 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos do obradoiro os coñecementos necesarios para que poidan realizar por si mesmos xestións coa Administración mediante DNI electrónico, Chave 365 ou certificado dixital, explicando o acceso á Sede Electrónica e á páxina de Notifica. Así mesmo, búscase que poidan acadar o manexo de forma autónoma da Oficina Virtual de Gandaría, ademais de introducir aos alumnos na xestión da PAC a través das aplicacións móbiles.
Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse en liña. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas.

PUBLICIDADE