Novo curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

A AMTEGA abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) tal e como recolle a convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 19 de febreiro e rematará o 25 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de maio.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través da Internet na web da rede CeMIT, durante os cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar posteriormente unha taxa de 10,20 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
- Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
- Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
- Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

Vindeiras convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2018, que terá a súa continuación cun novo curso de teleformación titorizada previsto para o segundo semestre (no mes de setembro).
Ademais destes cursos preparatorios, realizaranse ao longo deste ano dúas novas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.100 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.

PUBLICIDADE