Novicrea 4.0 adestrou en TIC a 20 desempregados da comarca de Celanova

luns, 6 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe rematou unha iniciativa ourensá destinada a crear emprego a través dunha fórmula segura: a fórmula da innovación e as novas tecnoloxías, tanto dende o punto de vista puramente formativo como en materia de proxectos de emprendemento. Estamos a falar de Novicrea 4.0, un proxecto posto en marcha polos Concellos de Celanova, Verea e Bande, co apoio den entidades como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Economía e Emprego. Precisamente o conselleiro Francisco Conde foi o encargado de presidir o acto de clausura dun obradoiro estendido no tempo no que participaron, formándose e ampliando horizontes profesionais, 20 persoas da comarca.
Esta actividadefoi coordinada por Antonio Piñeiro, cuxo obxectivo baseouse en fornecer un taller de emprego que tamén fose un espazo de exploración para proxectos formativos de futuro, proxectos relacionados directamente coas TIC.
Tematicamente o Obradoiro de Emprego das Novas Industrias Creativas (Novicrea 4.0) adicouse por completo ás novas tecnoloxías da información, apostando por novos viveiros de emprego relacionados coa industria 4.0. As sesións, máis polo miúdo, impartiron catros módulos de novas tecnoloxías nos ámbitos da información a gran escala (Big Data), o audiovisual e os produtos multimedia, o desenvolvemento de aplicacións e a mercadotecnia.
Durante os primeiros seis meses, as alumnas e os alumnos recibiron a formación específica dun destes módulos e os tres restantes adquiriron coñecementos en materia de inserción laboral, tanto por conta allea como propia. Así, os participantes desenvolveron, entre outros, proxectos centrados na promoción turística dos concellos implicados con apps, campañas de promoción e vídeos turísticos.
O conselleiro, na clausura de hoxe, salientou que “o taller permitiu aos alumnos sumar un novo activo ao seu currículo á hora de atopar un posto de traballo” e lembrou que “desde 2009 a Xunta leva investido case 286.000 euros na convocatoria de 662 obradoiros en concellos de toda Galicia”.

PUBLICIDADE