Novas axudas para a modernización tecnolóxica do comercio de proximidade

luns, 29 de agosto do 2011 Redacción

A Consellería de Economía e Industria, ao abeiro do Plan Ágora, agora RE-comercia, ten deseñado unha estratexia de apoio e impulso económico ao comercio de proximidade. Neste sentido a Consellería de Economía e Industria, vén de publicar no DOG a posta en marcha dunha nova orde pola que se regula o proceso de selección de empresas informáticas colaboradoras na xestión de subvencións para a potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías no comercio galego.
Deste xeito, a Administración autonómica financiará até o 70% do custe de adquisición por parte dos comerciantes de equipamento tecnolóxico, como ordenadores portátiles e de sobremesa, software de xestión, páxinas web comerciais, TPV e outros compoñentes informáticos.
Na orde distínguense dúas fases de actuación: unha primeira, destinada as empresas informáticas que desexen solicitar ser entidades colaboradoras para ofertar os seus produtos e servizos aos comerciante, e unha segunda fase, na que se publica unha lista definitiva de empresas colaboradoras ao sistema de axudas.
A partires desta segunda fase, como gran novidade da convocatoria, os comerciantes poderán adquirir por primeira vez o material informático de forma directa nas tendas das entidades colaboradoras, sen ter que adiantar os cartos antes de percibir a subvención.
En canto a modalidade da orde é de concorrencia non competitiva, o que quere dicir, que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes.
Neste senso, un dos obxectivos da Consellería de Economía e Industria é a dinamización e revitalización dun sector comercial fortemente afectado pola crise actual e o seu achegamento á realidade tecnolóxica a prol da modernización e mellora da competitividade.

PUBLICIDADE