Novagaliciabanco amosa este xoves en Santiago o potencial da súa rede social interna

mércores, 12 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

APD e Dircom celebran este xoves de setembro unha xornada sobre metodoloxías para tirarlle partido ao traballo conxunto entre departamentos de comunicación e recursos humanos, un labor a dúas bandas que cada vez adquire máis feitura de comunidade 2.0. O obxectivo da xornada, en termos xerais, é pór en valor os intanxíbeis dunha empresa: pezas clave da engranaxe empresarial. Nesta reivindicación, sinalan APD e Dircom, a converxencia entre os ditos departamentos (Comunicación e RRHH) é fundamental para acadar o éxito dunha empresa. O encontro servirá para dar a coñecer exemplos desta optimización. Como Expresa, Rede Social Interna de Novagaliciabanco.
O programa desenvolverase a partir das 10.00 horas. Andrés Alonso, xerente da distribuidora Boreal, iniciará a sesión falando de cómo acadar a optimización dos intanxíbeis. José Manuel Velasco, presidente de Dircom, participará co relatorio A ecuación da felicidade, e Emi Solís, directora de Comunicación Interna de Inforpress, afondará na importancia das persoas e as mensaxes na estratexia.
Tamén intervirá Manuel Vázquez Sola, director de Comunicación de NCG Banco, e Lito García e Luis Franqueira, xestores da entidade financeira galega, debullando a devandita rede social, un recurso co que a entidade galega agarda acadar respostas e propostas construtivas dos seus integrantes no camiño da máxima rendibilidade e do mellor servizo posíbel para os seus clientes.
A maiores, a xornada contará coa presenza de Rafel Martínez, director de Recursos Humanos de Profand.
O encontro desenvólvese entre as 10.00 e as 13.00 horas, no Centro Social Novagalicia da Praza de Cervantes, en Santiago.

PUBLICIDADE