Novacaixagalicia presenta unha nova entrega do seu máster SAP en xestión de empresas

martes, 26 de xullo do 2011 Redacción

A Escola de Negocios de Novacaixagalicia organiza un ano máis o Máster SAP en Xestión Integrada da Empresa. A actividade formativa, que vai pola súa edición número quince, céntrase nos diferentes recursos da consultoría SAP, unha metodoloxía de traballo con base tecnolóxica considerada unha garantía de ter unha carreira profesional rápida e ben remunerada. Asemade, informa a Escola, estamos a falar duns coñecementos moi demandados dentro dos diferentes sectores, cousa que se demostra co seguinte dato: durante as edicións do máster, case todo o alumnado do programa en situación de busca de emprego puído incorporarse con éxito ao mercado laboral. As claves disto son a crecente demanda de profesionais con formación SAP e a calidade formativa do programa.
Para garantir o éxito do mesmo, a Escola desenvólveo con metodoloxía SAP e impárteo con profesorado de Tecnocom, unha das máis punteiras compañías españolas do sector das novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Este ano impártense dúas academias:

1. Netweaver. De carácter técnico e recomendada a alumnos de Informática ou con experiencia de abondo en temas de consultoría tecnolóxica. É primeira das academias e desenvólvese de outubro a xaneiro.

2. Finanzas. Máis funcional cá anterior. Nela teñen cabida alumnos de tódalas titulacións. Celébrase de febreiro a maio.

Entre outras cousas, o máster achega os coñecementos teóricos precisos para superar o exame de Certificación como Consultor SAP e prepara para a participación en proxectos de implantación e administración destas ferramentas en empresas a través dunha visión práctica e real das mesmas. Para acadalo, a Escola pon a disposición do alumnado un plan de ensinanza homologado por SAP Formación España, con materiais oficiais e cun profesorado de primeiro nivel, constituído por profesionais á fronte de proxectos de implantación deste sistema en eidos reais de traballo.

Que é SAP?

Para quen queira afondar en máis detalles sobre esta metodoloxía, dicir que vén da man da empresa do mesmo nome, arestora líder en software empresarial en todo o mundo con máis de 50.000 clientes en 120 países. O miolo da ferramenta é unha serie de sistemas de xestión que permiten mellorar no seo dunha empresa as relacións cos clientes e a colaboración cos socios, amais de fomentar a eficacia no negocio. Podemos velo en www.sap.com. Sobre a dita multinacional, dicir que ten subsidiarias en máis de 50 países e cotiza en diferentes índices da Bolsa (incluíndo a Bolsa de Frankfurt e a de Nova York). Estas solucións que pon en xogo a empresa forman parte dos ERPs ou Sistemas Integrados de Xestión. Segundo informa a Escola de Negocios, a empresa que teña un sistema integrado poderá obter información salientábel de tódolos departamentos da compañía dun xeito rápido e homoxéneo, o que lle achegará a posibilidade de tomar decisións eficaces.

A quen vai dirixido?

O Máster SAP en Xestión Integrada da Empresa está aberto tanto a persoas que teñan rematado os seus estudos e que queiran encamiñar a súa carreira laboral cara ao mundo da consultoría TIC e de xestión como a profesionais deste eido que queiran complementar a súa experiencia con maiores coñecementos sobre SAP e coa certificación dos mesmos. Polo que atinxe ás titulacións de acceso, o programa diríxese a alumnas e alumnos con titulación universitaria, sendo válida calquera das especialidades. Non se esixen coñecementos previos de programación.

Programa

Para acadar os devanditos obxectivos, o programa artéllase nos seguintes puntos:

· Academia Xeral SAP Solution Academy, que supón unha introdución a SAP e permite ofrecer unha visión global e integrada das diferentes áreas e procesos da xestión empresarial a través da funcionalidade das solucións e tecnoloxía do devandito sistema.

· Academia de Especialización, que permite coñecer polo miúdo as funcionalidades da solución SAP obxecto da academia elixida sobre o que se levará a cabo o posterior exame de certificación. Esta academia varía cada ano e establécese en función da demanda do mercado.

Metodoloxía

O reducido número de alumnos permite, amais dunha atención de índole personalizada, a posta en práctica dunha metodoloxía que subministra un equilibrio entre a adquisición de coñecementos e o desenvolvemento das cualidades persoais. Segundo informa sobre este punto a Escola de Negocios Novacaixagalicia, o programa impártase en conexión cos sistemas de SAP, nunha aula equipada coa precisa infraestrutura tecnolóxica.

PUBLICIDADE