Nova web galega sobre innovación arredor do vidro

martes, 18 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

De entre o panorama de páxinas web corporativas postas en marcha estes días dende a nosa terra, cómpre salientar a nova feitura en liña de Cristal Pontevedresa por dous motivos fundamentais: pola súa aposta polo deseño dixital de vangarda e porque se trata dunha firma con máis de 50 anos de experiencia, feito que debera servir de modelo para outras moitas compañías alleas -sobre o papel- aos servizos informáticos e que non semellan darlle á Rede á importancia que merece para o seu futuro. A nova páxina de Cristal Pontevedresa, que ten como materia pendente a inclusión do galego (agardamos que se amañe este punto en breve), basea unha boa parte do seu potencial nun catálogo online de aplicacións e de proxectos feitos en vidro laminado e en vidro templado, amais da colección de mamparas de baño.
Coa nosa web”, informan os responsables da firma, “pódense coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a compañía no desenvolvemento de aplicacións en vidro para a arquitectura, interiorismo, decoración ou mobiliario urbano”. Co fin de ceibar á mensaxe de todo o que pode significarlle un atranco, a nova páxina aposta por un estilo visual e directo. Ao mesmo tempo, pon en xogo unha navegación doada e intituita, o que permite que “calquera cliente particular poida atopar rapidamente as aplicacións en vidro que está a procurar, e abraiarse coas posibilidades de deseño e personalización que ofrece a empresa”, comenta Francisco Barbeito, director xeral de Cristal Pontevedresa. Amais de todo isto, a web basea unha boa parte da súa actividade nas seccións Produtos e no apartado Contract, unha das canles empregadas pola firma para apostar con meirande forza por incorporar o vidro a todo tipo de proxectos arquitectónicos.

PUBLICIDADE