Nova versión de WhatsApp para Windows Phone 7.5

luns, 13 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Tras unha desaparición temporal do Marketplace de Windows Phone, está de volta a aplicación de WhatsApp, que chega á súa versión 2.8.0.0 para facilitar a comunicación entre usuarios de dispositivos móbiles conectados (WhatsApp tamén está dispoñible para iPhone, Android, BlackBerry e móbiles Nokia), continuando a aplicación a ser de balde (cando menos o primeiro ano) e mellorando o seu rendemento e incorporando efectos visuais para pórse case ao nivel que no resto de plataformas móbiles.
Entre os cambios desta versión está unha barra de ferramentas con tres opcións (Buscar, Mi estado e Crear grupo), a posibilidade de compartir contactos coa pestana de adxuntar, animación das imaxes de contacto e un mellor funcionamento das notificacións e a posibilidade de funcionar en segundo plano.
Por desgraza, parece que moitos usuarios están a ter problemas para actualizar a aplicación e, noutras ocasións, o programa cólgase con moita frecuencia. Ao parecer, varios dos problemas poderían depender da versión de Windows Phone instalada, pero en calquera caso, parece que haberá que agardar a unha nova actualización para que esta ferramenta consiga a estabilidade que precisa un servizo tan popular.

PUBLICIDADE