Nova tenda en liña de marisco galego

martes, 24 de novembro do 2009 Marcus Fernández

Nos últimos anos varias son as iniciativas que antes do Nadal aparecen dende Galicia para comercializar marisco a través da Internet, e desta volta temos a Emarisco.com, plataforma de venda de marisco tanto fresco coma cocido, que conta co descritivo dominio mariscosadomicilio.es, así coma un espazo en Facebook.
Este novo establecemento virtual de venda a domicilio ofrece mariscadas completas en distintos formatos segundo o número de comensais e con prezos que oscilan entre os 59 e os 169 euros para de 6 a 8 persoas. Tamén permite a compra por separado de lubrigantes, lagostinos, polbo, mexillóns, etc.
Os pedidos realizados antes das 10:00 horas recibiranse no domicilio do cliente antes das 13:30 horas do día seguinte, aínda que cómpre destacar que os domingos e luns non hai reparto.
Haberá que agardar para ver se esta plataforma consegue manterse no tempo neste sector tan arriscado, no que a calidade dos produtos ten tanto peso como a loxística, sendo este último elemento crítico, e o que leva a fracasar a moitas outras tendas en liña.

PUBLICIDADE