Nova páxina web para os comerciantes galegos

venres, 22 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe o Portal do Comerciante Galego, unha aplicación web pioneira en Galicia destinada a fomentar a competitividade do comercio de proximidade, ao abeiro do Plan Ágora-Agora Recomercia.
O Portal pon ao dispor do comerciante diferentes cuestionarios de autoavaliación, de cara a facer unha análise do seu perfil empresarial, identificando os puntos fortes do negocio e aqueles que requiren da implantación de estratexias destinadas á mellora do seu potencial como emprendedor, á hora de afrontar a creación dun establecemento ou desenvolver a súa actividade.
Javier Guerra salientou que este Portal «é unha ferramenta útil e accesible, con contidos especializados para impulsar a mellora competitiva do sector».O titular de Economía e Industria destacou que «este servizo fomenta a iniciativa emprendedora e facilita a creación de novos negocios, coa posibilidade de diagnosticar a viabilidade dos proxectos».
Ademais, o conselleiro apuntou que a «información e formación son dúas cuestións prioritarias, na aposta pola excelencia e a modernización do comercio de proximidade de Galicia». De xeito que neste servizo habilitouse unha biblioteca comercial, con ligazóns a revistas e publicacións especializadas, e un Calendario do Comerciante, no que se recolle información útil sobre os eventos mais importantes, neste eido.
Esta páxina web foi deseñada en seis seccións: emprendedores, comerciantes, asociacións, comercio artesán, comercio e consumo, dende as que é posible acceder á información máis axeitada, para cada eido comercial.

Javier Guerra presentou o Portal do Comerciante Galego

PUBLICIDADE